A Intelixencia Artificial e a Xeración Z, protagonistas do Foro Talentia 2025 en Santiago

venres, 28 de novembro do 2025 S. P.

O Talentia Summit abrirá a súa edición deste ano o próximo 4 de decembro, cun Foro Talentia dedicado a abordar os cambios que a Intelixencia Artificial e a Xeración Z están a introducir nas empresas, nos modelos de traballo e nos perfís profesionais. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Emprego, María Rozas, presentou o evento nunha rolda de prensa na que tamén avanzou os detalles da Feira Talentia, que se desenvolverá do 9 ao 11 de decembro.
María Rozas lembrou que o Talentia Summit é “un evento referente no ámbito laboral e formativo”, que acada cifras récord de participación en cada edición. Na do ano pasado, apuntou a tenenta de alcaldesa, “a feira de talento e emprego superou todas as expectativas con máis de 60.000 usuarios e usuarias, máis de 1.100 entrevistas de traballo, e case 2.500 currículos intermediados”. Este ano, explicou, “aspiramos a manter esas cifras, cun programa que volve facer unha gran aposta pola formación”.
Foro Talentia
Rozas explicou que o Talentia Summit é un evento con “dúas partes diferenciadas e complementarias”, dunha banda o evento inaugural, o Foro Talentia, que se celebrará o 4 de decembro, e por outra parte a Feira Talentia, que se desenvolverá do 9 ao 11 de decembro.
En canto ao Foro Talentia, estará centrado na Intelixencia Artificial e na Xeración Z, e contará “coa participación de voces expertas, líderes empresariais, e perfís emerxentes, e moi diversos, do ecosistema tecnolóxico e creativo”, sinalou, salientando nomes concretos como o da pianista Isabel Dobarro, que despois de gañar un Grammy Latino, ofrecerá unha conferencia no marco do Foro Talentia, ademais de actuar en directo durante o evento
Xunto a ela, polo Foro Talentia pasarán Sebastián Brandt, director executivo de Odoo España, unha empresa que acompaña a outras nos seus procesos de dixitalización; María Soto, experta en innovación tecnolóxica e en intelixencia artificial da empresa Bravent; e Lara Neira, directora executiva e co-fundadora da nova firma innovadora Nigal, e doutora en IA.
Tamén está confirmada a participación de Sergio Lucas, director executivo (CEO) e fundador de Leeters, unha empresa experta en talento e selección de persoal a través da IA; da arquitecta Sofía Blanco, co-fundadora do estudo Barboza Blanco Office recoñecido polo seu traballo sobre novos espazos arquitectónicos: e de dous e dous expertos en talento dixital do grupo Go Talents: Saúl Campos e Anadía Delgado
O Foro Talentia celebrarase o 4 de decembro, a partir das 18:00 horas no Palacio de Congresos. A entrada é de balde, pero o aforo é limitado, polo que é conveniente a inscrición previa a través da súa web.
Feira virtual de formación e emprego
A outra pata do Talentia é a feira virtual de formación e emprego, que se desenvolverá do 9 ao 11 de decembro cun amplo catálogo de actividades, como cursos de formación, certificacións oficiais en competencias dixitais e idiomas ou obradoiros para mellorar a marca persoal.
Como vén sendo habitual no Talentia, ofrecerase a posibilidade de axendar citas cos responsables de selección de persoal de diferentes empresas participantes, e tamén de enviar o currículo a centos de procesos de selección abertos por esas empresas.
No apartado da formación, destaca un ano máis a posibilidade de acceder de balde a máis de 15.000 cursos en liña dentro da plataforma Linkedin Learning; así como a oferta da Plataforma Talentia IT Skills, que permite acceder a formación oficial en cursos oficiais de tecnolóxicas como Microsoft, Cisco, Meta, ou JavaScript. No que ten que ver cos idiomas, o Talentia ofrece a posibilidade de obter a Certificación Oxford, en diferentes niveis.
Nos próximos días abrirase a posibilidade de inscrición nas diferentes actividades do Talentia. No que ten que ver coa formación, as persoas interesadas poderanse inscribir nun máximo de 4 cursos. Para as entrevistas con empresas e as sesións de mentoring non haberá límite de inscricións.