A Mesa agarda que o programa Atenea de xestión procesual na xustiza sexa en galego sen recorrer á tradución automática
martes, 25 de novembro do 2025
Dende A Mesa pola Normalización Lingüística avaliaban hoxe, martes 25 de novembro, a posibilidade da sinatura do convenio entre o Ministerio de Xustiza e a Consellería de Xustiza para a incorporación do programa Atenea de xestión procesual na xustiza e que, por primeira vez, podería incluír o uso do galego. A vicepresidenta da entidade, Elsa Quintas, lembrou que "para que a incorporación do galego sexa realmente efectiva, ten que ser simultánea desde a activación do programa".
Deste xeito, A Mesa amósase preocupada pola posibilidade de que se empregue a tradución automática, o que "xeraría enorme desconfianza nuns documentos que non deberían conter erros nin dar lugar a malas interpretacións" e "desincentivaría o seu uso a favor da versión máis fiable en español", en palabras de Quintas.
A posibilidade de empregar tradución automática foi sinalada polo Director Xeral de Xustiza na súa comparecencia do 7 de novembro na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galiza, ao indicar que “non sabemos como vai ser a tradución, se automática ou por equipos” e viuse reforzada polo feito de non existir partida nos orzamentos de 2026 do departamento de Xustiza, da AMTEGA ou da Secretaría da Lingua, para a tradución do programa Atenea.
Para rematar, A Mesa recorda que a Xunta continuará empregando o programa do Ministerio de Xustiza, que ata agora impedía a posibilidade de uso directo da lingua propia de Galiza, malia ter transferidas as competencias da administración da xustiza e, polo tanto, poder contar co seu proprio programa de xestión da Xustiza, como acontece coas comunidades de Andalucía, Canarias, Cantabria, Cataluña, Navarra, Valencia, País Vasco ou Madrid.
