A Mesa lanza un xogo de balde para fomentar acotío o uso do galego: Pensatermos
xoves, 3 de marzo do 2022
A Mesa pola
Normalización Lingüística anunciou este 3 de marzo o lanzamento
dun xogo de balde para “entreter e fomentar o uso do galego”.
Trátase de Pensatermos,
unha proposta lixeira que
segue o ronsel de éxito doutros xogos lingüísticos, como
pode ser o Wordle, que como
sinalamos en Código Cero xa conta coa súa versión en galego,
ou o Pauralògic, unha contribución de gran repercusión en
Catalunya, concibida por Jordi Palau e desenvolvida por Pere Orga
para RodaMots. O xogo Pauralògic, de
feito, está no alicerce do Pensatermos.
En palabras da
Mesa, Pensatermos
é “un xogo lixeiro e gratuíto para entreterse a calquera hora do
día e que consiste en formar palabras a través de sete letras,
sendo unha delas de uso obrigatorio”. As palabras deben ter como
mínimo tres letras e non ser formas verbais conxugadas, nin termos
en plural. A puntuación do xogo determínase polo número de letras
utilizadas: 1 punto por palabras de tres letras, 2 puntos por
palabras de 4 letras e a partir das cinco letras, tantos puntos como
teña a palabra. Se se utilizan todas as letras, faise un pleno e
obtéñense 18 puntos.
A Mesa lembra que Pauralògic chega a
Galiza “despois de que varios socios e socias que viven en
Catalunya fixeran chegar a petición á Mesa de facer unha versión
adaptada ao galego”. A entidade galega fai saber que o devandito
foi “posíbel” grazas á boa vontade dos seus creadores, que
cederon o xogo para que se puidese traducir e adaptar á lingua
galega. A base de datos coa que se forman as palabras foi unha
contribución da Academia Galega e do Seminario de Lingüística
Informática da Universidade de Vigo, que facilitaron de boa gana
toda a terminoloxía que recollen os seus dicionarios.