A Microsoft University Tour fai escala esta semana na Coruña e Vigo

martes, 28 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Microsoft University Tour, a xira anual da firma tecnolóxica polas universidades do estado está a piques de chegar a Galiza. Máis concretamente á Facultade de Informática da Universidade da Coruña, onde unha representación da empresa fundada por Bill Gates parará este mércores 29 de novembro para achegar á comunidade estudantil unhas sesións técnicas sobre tecnoloxía de desenvolvemento.
O xoves 30, a xira visitará a Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo, onde se informará ós alumnos e tamén ós mestres universitarios dos máis recentes e innovadores produtos e servizos da empresa de Redmond e de cales son as liñas estratéxicas a seguir no futuro a medio e a longo prazo.
Cómpre salientar que o itinerario Microsoft University Tour inclúe no curso 2006/2007 un total de 34 paradas en diferentes universidades españolas e conta cun orzamento de 120.000 euros. Máis polo miúdo, estes son algúns dos contidos nos que se está a facer fincapé:
· Introdución á nova plataforma XNA que Microsoft está a desenvolver para unificar a creación de videoxogos para PC e a videoconsola 360.
· Novas posibilidades de desenvolvemento da plataforma .NET no que se refire ó contacto directo con dispositivos Pocket PC ou Smartphone.
· Novidades no eido do deseño a través de Windows Presentation Foundation, o subsistema gráfico de Windows dirixido a mellorar o traballo con gráficos vectoriais ou modelos en 3D.
Asemade, Microsoft informará dos pormenores do certame Imagine Cup, unha competición internacional organizada a nivel internacional e que vai destinada a recoñecer os proxectos tecnolóxicos máis innovadores da comunidade universitaria. As persoas interesadas en acudir ás sesións técnicas de Microsoft na Coruña e Vigo deberán rexistrarse na correspondente páxina web.