A Oficina de Software Libre de Ames organiza un repair cafe de equipos informático

martes, 4 de xuño do 2024 S. P.

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, organiza un repair cafe de equipos informáticos. Impartirase o sábado 8 de xuño, en horario de 11:30 a 13:00 horas. Trátase dunha actividade achegada por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías non privativas. A inscrición pódese realizar premendo na ligazón habilitada.
Esta é a segunda actividade da programación de 2024 da Oficina. Desta volta, este obradoiro busca reducir a fenda dixital para os colectivos vulnerábel minorar o lixo electrónico. O persoal da Oficina de Software Libre ofrecerá a súa axuda para reparar ordenadores portátiles e solucionar os diversos problemas que este poidan ter.
Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como punto de encontro onde aprender, compartir e construír.
Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu diferentes actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou o obradoiro Aforra na túa factura da luz; outro sobre Automatización da túa casa, controla o teu fogar; e un terceiro denominado Repair café de equipos informáticos.

PUBLICIDADE