A RAGC e GAIN convocan a 11ª edición do Premio Xornalismo Científico Celia Brañas

luns, 23 de febreiro do 2026 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), convoca a undécima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2026.
Trátase dun certame destinado a galardoar unha peza xornalística de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de xaneiro de 2026 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. O traballo xornalístico pode ser unha noticia, crónica ou reportaxe, quedando excluídas as entrevistas e os artigos.
A RAGC pon de relevo que “a ciencia e a tecnoloxía teñen un papel determinante no desenvolvemento económico e o benestar social dun país, polo que comunicar estes achados e as súas aplicacións á sociedade, así como a transferencia de coñecemento ás empresas, é unha prioridade”.
Nesta liña, a Academia defende que os medios de comunicación poden contribuír “dun xeito decisivo” a acadar este obxectivo. Co fin de estimular esta vertente xornalística, a distinción Celia Brañas pretende recoñecer actividades de comunicación da ciencia e da tecnoloxía entre os profesionais do xornalismo dos medios galegos.
Os traballos poderán centrarse en calquera aspecto relacionado coa ciencia desenvolvida en Galicia, ben sexan achados, difusión do labor de grupos ou centros de investigación, posibles aplicacións dos resultados da investigación ou mesmo casos de éxito de transferencia de resultados ao mercado. Poderá concorrer a este premio calquera xornalista, a título individual ou en equipo, que realice a súa actividade en medios de comunicación da nosa comunidade ou en edicións galegas de medios estatais, e poderanse presentar un máximo de tres traballos por candidato individual ou colectivo.
A dotación será de 3.500 € para o primeiro premio e de 1.500 € para o segundo traballo mellor valorado. A participación tramitarase de xeito telemático a través dun formulario electrónico dispoñible nas páxinas web da Real Academia Galega de Ciencias e da Axencia Galega de Innovación. Os traballos poden enviarse a partir do 23 de febreiro e o prazo de presentación dos mesmos remata o vindeiro 20 de marzo.