A RAGC e a Fundación Barrié distinguen sete equipos galegos punteiros en innovación
mércores, 28 de xaneiro do 2026
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou na tarde deste 28 de xaneiro o acto de apertura do seu curso, no compostelán Pazo de San Roque. Ao evento asistiu o presidente, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da institución, xunto a outras académicas e académicos. No transcurso do acto entregáronse as distincións da segunda edición dos Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, destinados a recoñecer as mellores investigacións que se desenvolve na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais.
Acudiron diversas autoridades como o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Isabel Ares; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; entre outros representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.
Juan Lema reafirmou “o papel da ciencia como elemento central do progreso da nosa sociedade, como motor de desenvolvemento social, económico e cultural”. E puxo de relevo que “a ciencia non avanza a base de xestos espectaculares, senón grazas a un labor constante, rigoroso e moitas veces silencioso”. Manifestou que “a RAGC forma parte dese esforzo colectivo por construír un futuro mellor baseado no coñecemento, no pensamento crítico e no compromiso co ben común, capaz de responder aos retos do presente. As múltiples distincións e recoñecementos recibidos polas nosas académicas e académicos son motivo de orgullo colectivo, pero tamén unha proba clara da solidez e do nivel da ciencia que se fai en Galicia”.
No transcurso do acto, o académico da RAGC e catedrático de Química Física da USC Arturo López Quintela impartiu unha lección maxistral na que abordou a catálise como un dos piares fundamentais da química moderna e da industria.
Pola súa banda, Román Rodríguez puxo en valor o papel da I+G+i “para mellorar a calidade de vida das persoas e para dar resposta a retos complexos da sociedade actual”, ao tempo que destacou o labor das persoas premiadas pola súa contribución científica e pola transferencia do coñecemento á cidadanía como exemplo de talento neste eido. O conselleiro salientou a importancia destes premios como instrumento para impulsar o talento investigador novo e consolidar traxectorias científicas de alto nivel en Galicia, en liña coa aposta da Xunta por reforzar un sistema sólido, competitivo e conectado coa realidade social e produtiva.
Ademais, Julio Abalde destacou o valor estratéxico da ciencia e da
transferencia de coñecemento para o desenvolvemento económico e social
de Galicia. “A investigación que se fai en Galicia é un exemplo de
talento, compromiso social e capacidade de innovación que cómpre
seguir apoiando desde as institucións públicas”, sinalou o subdelegado
do Goberno.
E, como dixemos, no marco do evento entregáronse os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC. Os tres traballos distinguidos recibiron unha dotación de 5.000 euros cada un, e concedéronse ademais varios accésit en cada unha das tres categorías. O presidente da RAGC fixo especial fincapé no éxito desta segunda convocatoria, con 133 candidaturas presentadas.
Premiados na categoría de Ciencias Básicas

- Premio en Ciencias Básicas para María Mayán
O Premio en Ciencias Básicas recaeu na identificación dunha proteína como unha potente diana terapéutica para loitar contra un tipo de mutación xenética presente en cancros como o melanoma, o de mama ou o colorrectal. Amósase capaz de frear o crecemento de certos tumores e evitar a aparición de resistencia aos fármacos. Os seus autores, liderados por María Mayán, están integrados no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo.
A galardoada destacou que “a resistencia ao tratamento é un dos retos máis importantes en oncoloxía, por iso proxectos encamiñados a entender os mecanismos implicados e a buscar solucións son tan relevantes para poder chegar a curar o cancro ou, polo menos, cronificalo. Ademais, esta investigación exemplifica o potencial transformador da ciencia feita en Galicia para abordar problemas reais”.

- O accésit para Manuel Souto
Nesta área concedéronse dous accésits. Un foi para o equipo de Manuel Souto, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares -CiQUS- da Universidade de Santiago. Desenvolveu un novo composto orgánico para conseguir baterías máis duradeiras e eficientes, económicas e sostibles; con importantes vantaxes ambientais, económicas e tecnolóxicas fronte aos eléctrodos inorgánicos tradicionais. “Este premio recoñece o impacto e a relevancia actual da investigación que estamos a levar a cabo no CiQUS, centrada en buscar novas solucións máis respectuosas co medio natural para aplicacións en almacenamento enerxético” -salientou-.

- O accésit para Hamza Al-Shdaifat
O segundo accésit foi para Hamza Al-Shdaifat, da Facultade de Matemáticas da USC. O seu traballo versa sobre innovadores conceptos de integrais e derivadas de utilidade para resolver problemas complexos en física e enxeñaría, a través do modelado de fenómenos. O investigador puxo de relevo que “este recoñecemento representa un pulo moi importante ao noso traballo e valoramos moi positivamente que institucións como a RAGC e a Fundación Barrié aposten por fomentar a investigación e a divulgación das ciencias e as súas aplicacións”.
Premiados na categoría de Ciencias Técnicas
O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo de Cristina Gallego, do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais -CRETUS- da USC. Propoñen un xeito innovador e ecolóxico de aproveitar a pel do peixe, empregándoa para obter xelatina de alta calidade para o os sectores alimentario, farmacéutico e cosmético.

- O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo de Cristina Gallego
“Este recoñecemento é unha demostración de que o traballo científico permite avanzar cara a un futuro máis respectuoso co medio e afrontar problemas reais que nos afectan a todos”, apuntou a investigadora.

- Accésit para o equipo liderado por Javier Pernas
Outorgouse un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais -CITENI- da Universidade da Coruña (Campus de Ferrol), liderado por Javier Pernas. Usando a intelixencia matemática, desenvolveu unha metodoloxía para optimizar a planificación de tarefas no proceso de construción de buques, con aplicación noutros sectores como o aeroespacial ou a construción modular. “Para min, o obxectivo e o reto da universidade é converter o coñecemento científico en impacto real e positivo na vida das persoas”, salientou o galardoado.
Premiados na categoría de Ciencias Sociais
O premio en Ciencias Sociais foi para o equipo de por Iria González, da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, que traballa na xestión sostible da denominada última milla no comercio electrónico. É a fase final e máis crítica do proceso, o transporte do pedido desde o derradeiro centro de distribución ata a entrega ao cliente, cun alto impacto ambiental.

- O premio en Ciencias Sociais foi para o equipo de por Iria González
A investigación proporciona ferramentas e directrices para facilitar o deseño e posta en marcha de estratexias sustentables nesta fase. “Para nós este premio é un recoñecemento á aposta pola sostibilidade e un impulso para seguir a traballar nesta liña”, sinalou a investigadora.

- Recoñecemento ao grupo de María Garrido
Amais, outorgouse un accésit ao grupo de María Garrido, da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Analizaron o impacto das prácticas ambientais no rendemento, o risco e a resiliencia das pemes. A partir dunha mostra de máis de 500 pemes galegas, observaron que as prácticas ambientais, e especialmente as laborais, poden xerar efectos positivos nalgúns indicadores económicos e na capacidade de resistencia das pemes en contextos de crise. “Este premio reforza o papel esencial da investigación na sociedade actual para comprender os retos aos que se enfrontan as pemes galegas e para apoiar a toma de decisións” -destacou Garrido-.
