A Rede dispara a industria das imitacións de antigüidades

mércores, 6 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Que a Rede non é un paraíso, xa o sabiamos todos e todas, pero tamén semella certo que, de mediar un pouco de vixilancia e sentido común pola nosa parte, hai unha serie de vantaxes comunicativas e de acceso ao coñecemento que non poderemos atopar en ningún outro medio ou plataforma. Toda esta lea vén a conto para pornos en materia á hora de falar do sector das antigüidades, un eido comercial que medra en boa medida grazas á Rede, sobre todo grazas ao que ten esta de arrexuntadora de parellas: neste caso, a oferta e a demanda. Pois ben, o mesmo que vale para a Internet no seu conxunto, vale para este sector: cómpre máis que nunca andar con ollo. Segundo vén de sinalar o arqueólogo Charles Stanish nun artigo da revista Archaeology do que se fan eco xornais en liña como Los Tiempos ou El País, arredor do 95% do material deste tipo que se ofrece na Rede é totalmente falso, e disto non se libran nin servizos de compravenda e de mediación como o teoricamente esixente eBay (onde se ten expulsado a usuarios por moito menos que por querer colarlle a alguén unha copia de algún produto).
Segundo di o devandito investigador estadounidense, as vendas en Internet xogan totalmente a favor da copia, e da creación dun gran mercado e dunha oportunidade de negocio que está a ser aproveitada, como era de agardar, por civilizacións enteiras.
En definitiva: chegouse a un punto en que facer imitacións fieis de algo antigo resulta moito máis rendible que procurar ese produto a toda costa para vendelo. Isto, malia todo o negativo que achega, semella ter unha cousa boa: limítase a práctica do saqueo, aínda que sexa a costa dos incautos.
Segundo explica o arqueólogo, o ritmo da factoría mundial de imitación de antigüidades é frenético, sobre todo en países en vías de desenvolvemento, e tanto é así que en menos de unha década pasouse dunha porcentaxe de copias do 50% na Rede a un taxa que anda xa a rentes do 100%. Ao mesmo tempo, desenvólvese a industria e melloran os procesos de produción: a día de hoxe, até a persoa máis experta terá dificultades en saber se o que procura en eBay é certamente unha obra orixinal ou unha copia.

PUBLICIDADE