A Secretaría da Lingua apoia proxectos innovadores nos centros educativos que fomenten o galego

martes, 13 de xaneiro do 2026 S. P.

A Secretaría Xeral da Lingua que dirixe Valentín García publicou a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos que fomenten o uso do galego nos centros educativos que impartan ensinanzas de niveis non universitario. Trátase dunha iniciativa para “reforzar a dimensión comunicativa do galego facilitando ao alumnado unha oferta educativa que lle axude a percibir a utilidade da lingua e o capacite para o seu uso correcto e eficaz”, sinalou a Secretaría.
A convocatoria establécese un programa de actividades de fomento do idioma en cada centro, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade escolar, con especial atención ás liñas de actuación que permitan un incremento do uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.
As propostas deberán ser promovidas polos equipos de dinamización da lingua galega ou polo profesorado responsable do proxecto de cada centro de ensino, que terán un mes de prazo para a súa presentación a partir de mañá.
Unha vez recibidas as iniciativas, configurarase para a súa valoración unha comisión provincial de cualificación e unha comisión central dentro da Secretaría Xeral da Lingua, que homoxeneizará os criterios a aplicar e formulará a resolución das axudas.
Algúns dos puntos que se terán en conta principalmente para levar a cabo esa valoración son o grao de implicación activa dos membros da comunidade no proxecto (pais/nais, titores, profesorado ou alumnado e persoal da administración); o nivel de utilización das novas tecnoloxías (creación de páxinas web e blogs ou material audiovisual); o grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, así como a relación con outros espazos educativos no deseño da planificación lingüística.