A TVG estrea emisións en 4K
mércores, 26 de marzo do 2025
Na semana na que o Consello de Ministros aproba o novo Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre e medidas de impulso para a súa evolución tecnolóxica, o que suporá a xeneralización das transmisións en DVB-T2 para xeneralizar as emisións en ultra alta definición (UHD) a Televisión de Galicia sorprende estreando, sen anuncio oficial, unha canle de TDT en 4K, de xeito que as emisións da primeira canle da TVG están dispoñibles agora tamén en UHD.
Estamos ante un cambio que resulta bastante sorprendente, xa que a TVG era unha das poucas canles do territorio español que aínda non emitía en Full HD a través da TDT, e pasar de 720p a 2.160p supón un salto de resolución bastante rechamante.
Cómpre salientar que o salto de resolución non supón un salto na calidade de imaxe proporcional, xa que os contidos non teñen resolución 4K nativa e as emisións en ultra alta definición ocupan un largo de banda moi axustado: actualmente a TVG emprega uns 5,3 Mbps para achegar o seu sinal a 720p e 50 imaxes por segundo, mentres que as emisións a 2.160p e 50 imaxes por segundo empregan unicamente 6,5 Mbps (bastante menos que os 9,8 Mbps da canle 4K de TVE).
Cómpre lembrar que as 12 televisións autonómicas do Estado agrupadas na FORTA forman parte de UHD Spain dende 2021, polo que o compromiso das televisións públicas coa adopción desta tecnoloxía estaba claro, quedando agora ver como esta modernización audiovisual vai chegando pouco a pouco a uns fogares que veñen equipándose con televisores 4K dende hai anos, sen apenas contidos que tiren proveito das súas pantallas (máis aló dos achegados a través de plataformas de pagamento en liña).
- O salto de resolución da TVG de 720p a 2.160p é máis que significativo