A UDC (CITENI) e a UVigo crean un trebello tecnolóxico que detecta a orixe do radon en interiores

martes, 10 de marzo do 2026 S. P.

Persoal investigador do CITENI da Universidade da Coruña vén de lograr a concesión da patente dun sistema e método de localización de fontes emisoras de radon en interiores. Desenvolvida en colaboración entre a UDC, a UVigo e o CUD-ENM, permite identificar con precisión as entradas do gas radon en interiores: un gas ionizante moi presente en Galicia (polos solos graníticos) que é prexudicial para a nosa saúde.
O trebello ofrece un sistema que localiza de forma rápida e precisa os puntos de emisión. Combina sensores móbiles e estáticos cun vehículo autónomo que percorre as instalacións e mide a concentración do gas en distintos lugares. Un algoritmo de interpolación espacial sérvese da krigeaxe (kriging) para procesar as lecturas e guía o vehículo cara á fonte emisora. Tamén utiliza campás móbiles que illan os sensores do aire en movemento, para garantir que cada medición sexa precisa. “Isto permite xerar mapas detallados e detectar rapidamente fisuras ou puntos de entrada do gas”, explica a UDC, engadindo que “saber exactamente por onde entra o radon permite aplicar medidas directas e eficaces como selar gretas e instalar barreiras ou sistemas de ventilación localizados, e deste xeito protéxese mellor a saúde e optimízanse o tempo e os recursos”.
A concesión desta patente xorde do proxecto RnMod (PICUD 2022-03), dedicado a desenvolver modelos preditivos do comportamento do radon en edificios e estratexias de mitigación. A iniciativa conta con financiamento do CUD-ENM, da UVigo e do Campus Industrial de Ferrol.
Na UDC, o desenvolvemento correu a cargo de persoal investigador do Grupo de Enxeñaría Mixto (GEM): María Isabel Lamas e Juan José Cartelle, membros do CITENI; e de José Antonio Orosa. Completan o equipo Miguel Ángel Gómez, do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) da UVigo; e Arturo González, do Grupo de Enxeñería Térmica e Ambiental (InTeam) do CUD-ENM.
Este avance tecnolóxico proporciona unha ferramenta eficaz, autónoma e precisa para protexer a saúde en interiores, e pode empregarse tanto en vivendas como en edificios públicos e industriais.