A UIE incorpora formación oficial de Oracle nos seus graos e posgraos
martes, 7 de abril do 2026
A Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) asinou un convenio de colaboración con Oracle Ibérica S.R.L. para integrar formación e certificacións oficiais de Oracle Academy e Oracle University en distintos programas de grao e posgrao. Grazas a este acordo, os estudantes da universidade impulsada por Abanca poderán formarse en competencias clave do sector tecnolóxico e obter certificacións profesionais recoñecidas internacionalmente no ámbito da nube, as bases de datos ou o desenvolvemento de software.
O acordo foi subscribido na Coruña por Miguel Ángel Escotet, reitor da UIE, e Albert Triola Espigulé, en representación de Oracle en España. Ambas as entidades comparten “a misión de fomentar o talento en tecnoloxías da información e contribuír á empregabilidade dos mozos profesionais a través dunha formación de alta calidade”.
O convenio contempla a incorporación progresiva dos contidos de Oracle Academy desde os primeiros cursos dos graos, con itinerarios formativos en áreas como programación en Java, deseño e administración de bases de datos ou desenvolvemento na nube.
Ademais, nas etapas finais do grao e en programas de posgrao seleccionados, os estudantes poderán acceder ao programa Oracle University – Workforce Development Program, que inclúe cursos oficiais en modalidade en liña, laboratorios prácticos, seminarios, proxectos finais e materiais exclusivos de Oracle, acceso a un voucher de certificación oficial Oracle por curso, etc.
A iniciativa contempla tamén sesións maxistrais impartidas por profesionais de Oracle e actividades de mentoring, reforzando así o vínculo entre formación académica e práctica profesional.
