A USC celebra cunha chea de actividades a ciencia e a tecnoloxía en feminino
martes, 10 de febreiro do 2026

- Exterior da ETSE da USC
Para conmemorar o 11 de febreiro, Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, a Universidade de Santiago contempla un extenso e variado programa de actividades de sensibilización, promovido por distintos centros e servizos. Trátase de visibilizar o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) para, en palabras da USC, “ir creando referentes femininos para a nenez e a mocidade que poidan contribuír á elección destas áreas como carreiras profesionais e alcanzar deste xeito a igualdade de xénero no ámbito científico”.
A Oficina de Igualdade de Xénero, coa colaboración do Concello de Santiago, organiza entre febreiro e marzo a actividade Unha enxeñeira ou científica en cada cole, dirixida a alumnado de 4.º Primaria e que xa vai pola súa décimo primeira edición.
Do mesmo xeito, o IGFAE desenvolve este mércores 11 unha nova edición da súa Masterclass Internacional para achegar a física de partículas ás alumnas preuniversitarias de Galicia, fomentando o seu interese por unha disciplina moi masculinizada, na que persiste unha importante fenda de xénero. As estudantes poderán desfrutar dunha xornada de convivencia e traballo con datos reais do CERN, colaborando con investigadoras do IGFAE e do propio CERN.
Tamén o CiQUS se une a esta conmemoración coa actividade CientífiQas: Ciencia feita por mulleres no CiQUS, un encontro no que alumnado de bacharelato coñecerá a investigación que realizan as mulleres no centro, adentrándose nos laboratorios onde serán recibidos por investigadoras que se atopan en distintas etapas da súa carreira profesional e que compartirán a súas experiencias cos máis novos.
Outro centro singular de investigación, o CRETUS, celebra o 11F co alumnado do IES de Sar nunha acción na que o guiarán por un percorrido interdisciplinar que busca poñer en valor o papel das mulleres na ciencia ambiental e inspirar vocacións desde múltiples áreas do coñecemento. Así, poderá coñecer proxectos punteiros financiados polo Consello Europeo de Investigación, como o PollutedPast e o EqualSea, e dialogar coas investigadoras, que compartirán as súas experiencias, proxectos e traxectorias profesionais. O alumnado tamén participará en actividades prácticas, como o deseño de tecnosolos, videoxogos educativos sobre lixo mariño ou aplicacións biotecnolóxica.
Xa o día 12, o estudantado da ETSE poderá participar no obradoiro Micromachismos na Ciencia, ideado para identificar e analizar situacións cotiás de micromachismo no ámbito académico e científico. O obxectivo é visibilizar comportamentos e estereotipos de xénero que adoitan pasar desapercibidos, pero que inflúen no clima da escola e no futuro profesional do estudantado.
Ademais, continuando coas accións de visibilización do seu traballo en centros de ensino secundario da cidade, ese xoves a EPSE organiza o programa Protagonistas as enxeñeiras, que como en cursos anteriores contará con numerosos obradoiros impartidos por profesoras e acompañadas de alumnas de Enxeñaría do centro.
Entre as accións dirixidas ao público en xeral, a Comisión de igualdade da Facultade de Bioloxía organiza a conferencia Mulleres que investigan o oculto: descubrindo os Solenogastres (Molusca) como modelo para integrar taxonomía, ecoloxía e evolución, que impartirá ás 19.00 horas no Salón de Graos do centro a investigadora María do Carmen Cobo, egresada da Facultade de Bioloxía e actualmente investigadora asociada no departamento de zooloxía do Museo Nacional de Historia Natural de París. A investigadora presentará a súa investigación sobre Solenogastres e informará tamén sobre vías de investigación interesantes para os estudantes de facultades de ciencias empíricas.
Esa mesma facultade acolle ata o 28 de febreiro a exposición Ciencia x Mulleres, unha compilación de pósteres científicos presentados a congresos con presenza relevante de mulleres.
Así mesmo, o CETUR en colaboración con Tourgen organiza o seminario As mulleres viaxeiras na configuración histórica do turismo: achegas e influencia que traballará o turismo desde unha perspectiva de xénero e a través da interseccionalidade. Tamén o iMATUS abrirá este mércores as súas portas en xornada de tarde para que quen o desexe se achegue a coñecer o mundo dos materiais e o centro universitario.
Como colofón a todo este programa, e coa USC como protagonista do progreso neste ámbito, este 11 de febreiro a comisión de Astronomía da Asociación de Científicos Españois nos Países Bálticos anunciará, na Conferencia Internacional Mujeres en la Ciencia (WinS), a convocatoria da primeira edición do Premio Antonia Ferrin Moreiras á mellor tese de doutoramento en Astronomía e Astrofísica nos Países Bálticos. O galardón leva o nome da primeira muller docente da Facultade de Matemáticas da USC e en investigar no Observatorio Ramón María Aller, ademais de primeira doutora en astronomía de España.
