A USC colabora nun estudo internacional para mellorar a protección do océano con IA

venres, 30 de xaneiro do 2026 S. P.

Os datos que conseguimos a día de hoxe dos océanos, a través de múltiples sistemas e canles, son inxentes e diversos. Co fin de axudarnos nesta tarefa a IA propón diferentes vías, pero non todas garanten fiabilidade e responsabilidade. Para responder a este reto, un equipo europeo liderado por AZTI desenvolveu un marco de referencia que establece tres piares para que a IA mariña sexa fiable, ética e cientificamente robusta.
O traballo completo recóllese no artigo científico Towards Trustworthy Artificial Intelligence for Marine Research, Fisheries and Environmental Management publicado na revista científica Fish and Fisheries e do que o profesor e investigador distinguido do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) Sebastian Villasante é coautor.
Tal e como explican no traballo, “a IA ofrece enormes posibilidades, pero tamén riscos”. Por exemplo: unha ferramenta automatizada pode xerar rexeitamento no sector se non se entende como toma as súas decisións ou se non foi deseñada contando co coñecemento práctico das persoas que traballan no mar. “Estes exemplos”, aseguran, “mostran por que é crucial contar con criterios sólidos de calidade, transparencia e validación, especialmente nun ámbito no que as decisións afectan a ecosistemas, comunidades pesqueiras e políticas públicas”.
O marco proposto polo equipo investigador artéllase en torno a tres grandes piares. O primeiro céntrase na viabilidade socioeconómica e legal; o desenvolvemento e uso da IA deben ser accesiibles para o conxunto do sector mariño, incluída a pesca a pequena escala, e estar aliñado coa normativa europea, tamén co novo Regulamento de IA. A este respecto, o estudo salienta que “as ferramentas máis efectivas son aquelas que se deseñan coa participación directa dos actores implicados, e non unicamente para eles, o que permite aumentar a aceptación social, incorporar o coñecemento local e reducir resistencias”.
O segundo piar refírese á gobernanza ética do dato. Para que un sistema de IA funcione ben, precisa datos diversos, limpos, doados de rastrexar e xestionados de forma responsable. O traballo propón aplicar principios como FAIR, CARE e TRUST aos datos mariños, de xeito que a información utilizada (imaxes, sinais de sensores, series históricas de monitoraxe) sexa libre de barreiras, interoperable, respectuosa coas comunidades que a xeran e preservada axeitadamente a longo prazo.
Xa o terceiro eixo aséntase na robustez técnica e a validación científica, de maneira que a IA debe demostrar que funciona baixo as condicións reais do océano, e non só en contornas controladas. Así, o estudo recomenda “validar os modelos con datos independentes, aplicar probas estatísticas e contrastar os seus resultados con información obtida sobre o terreo”.
Para Jose A. Fernandes, experto en IA de AZTI, autor principal do estudo, “estamos vendo unha explosión do uso de algoritmos pero que moitas das veces non compren as expectativas iniciais. E tendo en conta que la A xa é unha realidade para o sector pesqueiro e a investigación mariña, só será útil se podemos confiar nela. O noso traballo establece como aseguralo, combinando ciencia, ética e participación do sector.”
Segundo Sebastian Villasante, “as ferramentas de IA deberían deseñarse mediante enfoques inclusivos e participativos de coprodución do coñecemento que integren ese coñecemento e a experiencia locais e específicos de cada sector, así como as necesidades económicas, cos grupos de desenvolvemento científico e tecnolóxico que as producen”.
Engaden que “a aplicación deste marco ten implicacións directas para a comunidade científica, en tanto significa dispor de criterios homoxéneos á hora de desenvolver, avaliar e comparar modelos de IA, o que pode acelerar a xeración de coñecemento e mellorar a calidade das predicións sobre o estado dos ecosistemas e o impacto do cambio climático”.
Pola súa banda, para a xestión pesqueira e ambiental supón contar “con ferramentas máis transparentes e robustas nas que apoiar decisións complexas, desde a asignación de cotas ata a planificación espacial mariña ou a vixilancia de actividades ilegais”.