A USC e a Confederación de Empresarios de Galicia impulsarán unha intranet de asesoramento fiscal en liña
mércores, 1 de agosto do 2012
- Juan Casares e Antonio Fontenla, intres despois da sinatura protocolaria do acordo marco entre a USC e a CEG. Foto: Alfonso (Servimav-USC)
A Universidade de Santiago e a Confederación
de Empresarios de Galicia van impulsar de xeito
conxunto unha escola de debate dirixida a mover a reflexión sobre cuestións
laborais e fiscais. De xeito complementario porase en marcha o proxecto Intrauni,
unha intranet de axuda on line para a resolución de consultas específicas
cos especialistas da Universidade nos devanditos eidos temáticos. Estas
iniciativas insírense no convenio de colaboración que asinaron ámbalas
entidades onte no Colexio de San Xerome. Este convenio de traballo
conxunto foi cualificado como unha “obriga
que ofrece unha perspectiva rica e plural”, afirmou o presidente da CEG,
Antonio Fontela, que dixo que este achegamento “fai máis forte á Confederación”.
Pola súa parte, o reitor Juan Casares sinalou
que estamos ante unha oportunidade para atender do xeito máis próximo posíbel
un amplísimo abano de cuestións, que se poderán solucionar da maneira máis
inmediata a través do dito proxecto tecnolóxico Intrauni, cuestións que serán
do máis variado: aspectos laborais e fiscais de natureza xeral, o traballo autónomo
e dependente, a defensa da competencia, a resolución extraxudicial dos
conflitos laborais ou a simplificación da prevención de riscos laborais, entre
outras.