A UVigo lanza plataforma de micromecenado
luns, 23 de febreiro do 2026
A Universidade de Vigo lanza esta semana a súa propia plataforma de micromecenado e faino cunha primeira primeira experiencia piloto dirixida a recadar fondos para levar a cabo unha acción de voluntario dirixida á reforestación e recuperación dos montes queimados en Carballeda de Avia, na provincia de Ourense, unha das zonas máis afectadas polos incendios deste verán.
O Consello de Goberno celebrado esta mañá deu luz verde a esta primeira experiencia piloto coa idea, tal e como recalcou o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, Félix Quintero, de que no futuro poida empregarse para desenvolver diversas campañas de micromecenado en temas relacionados con medio ambiente, saúde, ou cuestións máis puntuais como podería ser “unha campaña de recadación de fondos ante situacións inesperadas como o incendio acontecido esta fin de semana nas instalacións da asociación universitaria UVigo Motorsport”.
O lanzamento da primeira campaña de micromecenado da Univeresidade de Vigo estrutúrase en dúas partes: dunha banda, a campaña en si de reforestación e recuperación de danos polos incendios nos montes de Carballeda de Avia, como parte das actividades de sensibilización da Oficina de Medio Ambiente, e, da outra, o lanzamento da plataforma de micromecenado, desenvolvida pola Fundación Universidade de Vigo.
“Desde a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade coordinamos a campaña de financiamento colectivo en colaboración coa Fundación Universidade de Vigo e a campaña de voluntariado coa Vicerreitoría de Extensión Universitaria”, explicou Quintero na súa intervención, engadindo que o obxectivo marcado para esta primeira acción de micromecenado é conseguir recadar entre 10.000 e 20.000 euros, cantidade que se destinará de xeito íntegro a financiar a campaña de reforestación, se ben, tal e como recalcou o vicerreitor, “o máis importante non será a cantidade recadada, senón o impulso a esta plataforma de micromecenado para que poida seguir empregándose no futuro”.
Aclarou que se ben a UVigo contaba xa con experiencias de voluntariado previas similares enmarcadas en eventos concretos, como actividade dentro de un congreso ou curso de extensión, “esta é a primeira campaña de micromecenado impulsada desde a UVIgo e pretende ser unha experiencia piloto de cara a articular un protocolo de actuación para futuras campañas”, recalcou o vicerreitor.
Hoxe activouse a web da plataforma de micromecenado para que as persoas interesadas poidan realizar as súas doazóns e desde a Vicerreitoría de Extensión Universitaria lanzaron tamén a convocatoria para que as persoas que que queiran participar como voluntarias poidan inscribirse. A idea, engadiu a UVigo, “é ter todo listo para poder realizar unha gran xornada de reforestación un venres desta primavera -nunha data aínda por determinar- na que todas as persoas voluntarias se poidan desprazar aos montes da zona de Carballeda de Avia para participar en traballos de reforestación con árbores e arbustos autóctonos, así como en tarefas de conservación do solo e prevención de incendios”.
A elección da zona de actuación, Carballeda de Avia, tomouse, tal e como explicou o vicerreitor, tendo en conta o” valioso asesoramento” do profesor Juan Picos, da Escola de Enxeñaría Forestal. “O profesor Picos é un experto na extinción de incendios e na recuperación de bosques queimados e coñece moi ben os factores relevantes. Por iso, púxonos en contacto coa Asociación Ecoloxista Ridimoas, situada nese concello, que leva 50 anos traballando na conservación dos bosques autóctonos”, explicou o vicerreitor.
