A UVigo xunta legado artístico e creatividade nun museo virtual, o MAUVI

martes, 17 de marzo do 2026 S. P.

A UVigo compartiu detalles do seu museo virtual, o MAUVI, que reúne preto de 300 obras de pintura, escultura, gravado e fotografía, e ás que tamén se sumarán vídeos, instalacións e audios. No Museo de Arte da Universidade de Vigo hai obras de artistas consagrados como Antón Pulido, Francisco Leiro, Manolo Moldes, Xaime Quessada ou Acisclo Manzano e tamén doutros noveis.
Localizadas ao aire libre, en escolas e facultades e en edificios administrativos dos tres campus, as 287 obras que integran esta recompilación do patrimonio artístico da UVigo nunca antes foran reunidas nun repositorio dixital co dobre obxectivo de, por unha banda, agrupalas, neste caso nunha páxina web, e pola outra, dalas a coñecer á comunidade universitaria e á sociedade.
A vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, foi a encargada este martes 17 de marzo de dar a coñecer os detalles desta iniciativa, que partiu da súa vicerreitoría, aínda que tomando a remuda dunha acción similar posta en marcha no Campus de Ourense en 2014 e para a “que foi preciso actualizar, mellorar e completar a documentación fotográfica”, dixo, engadindo que no proceso destacou a implicación dos técnicos de Cultura dos Campus de Vigo, Alfonso Caride, e de Ourense, Filemón Rivas, e tamén do especialista en Historia da Arte Jorge Varela, que reformulou a ficha técnica e realizou as fotografías que se atopan na web
“MAUVI pretender ser un recurso accesible, claro que permita á comunidade universitaria, pero tamén á sociedade coñecer o noso patrimonio”, explicou Susana Reboreda, que tamén destacou que máis aló do valor material que poidan ter as obras que o integran, cómpre destacar “ a súa variedade e a diversidade de orixe das pezas”.
O repositorio virtual inclúe filtros que permiten buscar por palabras clave, campus, tipoloxía da obra e coleccións, que inclúen obras, por exemplo das galerías de reitores ou decanos e decanas, dos concursos de intervención artística ou dos premios de pintura e fotografía ou da sala Alterarte.
A UVigo salienta que “o dinamismo é unha das características deste museo, cunha colección aberta e viva á que vaian incorporando pezas ao longo do tempo”.
“É unha ferramenta viva que polo de agora inclúe pezas dos Campus de Vigo e Ourense e á que se incorporarán en breve as do de Pontevedra”, detallou Susana Reboreda.
Así mesmo, a web do Museo tamén inclúe unha “peza do mes”, encargada a unha persoa coñecedora da obra elixida e á que se lle dará difusión a través da web e de redes sociais. “Comezamos coa obra de Silverio Rivas que se atopa á entrada do campus de Vigo, Horizonte para o sol, e o encargado de analizala Jorge Varela.