A Universidade de Vigo oferta unha microcredencial sobre LinkedIn

xoves, 12 de marzo do 2026 Redacción

A rede profesional LinkedIn —ferramenta estratéxica para xerar negocio, reforzar a reputación profesional e establecer relacións directas con responsables de decisión no ámbito empresarial— está a trasladarse ao ámbito académico, como amosa a nova microcredencial impulsada pola Universidade de Vigo centrada no posicionamento profesional e nas estratexias B2B nesta plataforma.
A formación, titulada LinkedIn Accelerator: Posicionamento e autoridade profesional, está promovida polo Centro de Posgrao e Formación Permanente da Universidade de Vigo e conta co respaldo institucional do seu reitor, Manuel Joaquín Reigosa Roger. O programa busca achegar ao alumnado novas competencias vinculadas ao márketing dixital B2B, á construción da reputación profesional e á creación de sistemas de captación de oportunidades de negocio en contornas dixitais.
Durante a microcredencial, os participantes aprenderán a desenvolver unha presenza profesional sólida na plataforma, fortalecer a súa autoridade nun sector determinado e transformar a visibilidade en relacións profesionais e oportunidades reais de negocio. A iniciativa pretende responder a unha realidade cada vez máis presente no tecido empresarial, onde o uso estratéxico das redes profesionais se converte nun elemento clave para acceder a novos mercados e clientes.
Destaca o feito de que un dos docentes do programa será o emprendedor galego de 22 anos Martín Arosa, fundador da empresa ZipGenial e referente no uso de LinkedIn para a captación de oportunidades comerciais e o desenvolvemento de marca persoal. ZipGenial, deseña estratexias baseadas no posicionamento de autoridade dos líderes empresariais, na creación de contido estratéxico e na xeración de conversacións comerciais cualificadas con potenciais clientes. O obxectivo é converter a visibilidade dixital en resultados empresariais medibles.
A incorporación deste tipo de coñecementos ao ámbito universitario evidencia tamén o interese crecente das institucións académicas por integrar nas aulas novas competencias vinculadas ao emprendemento dixital e ás dinámicas da economía conectada.