A Universidade de Vigo premia cun iPad as mellores Ideas con valor

venres, 8 de abril do 2011 Raquel Noya

Co obxectivo de difundir no eido universitario “os valores e aptitudes propios da cultura emprendedora e a creación empresarial”, a Catedra Bancaja da Universidade de Vigo, vén de por en marcha o Programa Ideas Emprendedoras con Valor, un programa formativo que, entre outras cousas, inclúe un obradoiro e un concurso ao proxecto máis innovador.
A súa directora, Ana Gueimode, explica que o programa vai dirixido tanto ao estudantado como á comunidade investigadora e aos novos titulados, “para que poñan en común as súas ideas innovadoras e traballen con vistas a convertelas en proxectos innovadores e empresariables”.
A principal vantaxe deste proxecto, que fai que destaque por enriba doutras accións similares en prol da innovación, radica en proporcionar toda a formación e coñecementos necesarios para que os estudantes convirtan as súas ideas en negocios, ao tempo que coñecen os sectores produtivos nos cales se poden implantar os devanditos proxectos.
O curso, que é de balde, comprende tres sesións de sete horas cada unha e desenvolverase nos tres campus da Universidade de Vigo, para grupos de entre 15 e 20 persoas.
A maiores, o programa inclúe a celebración do concurso Ideas con valor; un galardón co que a organización recoñecerá o mellor proxecto presentado, o cal será valorado en función do seu grao de innovación, viabilidade técnica e comercial e calidade de presentación.
Malia que non é necesario ter asistido ás xornadas formativas para presentarse ao concurso, este factor tamén será tido en conta á hora de valorar os proxectos.
O premio ao mellor proxecto innovador consiste nun iPad, o tablet de Apple que destaca precisamente polo seu gran potencial e polo alto grao de innovación.
O prazo de preinscrición para participar nestas xornadas está aberto dende comezos desta semana porén alongarase ata o día 20 de abril; mentres que o de matrícula abrirase entre o 11 e o 20 do mesmo mes.

PUBLICIDADE