A Wii xéralle a Nintendo ingresos espectaculares

venres, 26 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Na casa Nintendo deben estar hoxe por hoxe nunha festa continua. A súa consola Wii non só está en boca de todos os seareiros dos videoxogos, senón que estes fan todo o posible por levala para a súa casa, aínda que cheguen a poñer en perigo a súa integridade física. Case se podería falar dunha febre da Wii, e isto –máis tarde ou máis cedo- ía reflectirse nas cifras: nos nove primeiros meses do seu ano fiscal, os beneficios de Nintendo subiron a un total de 1.090 millóns de dólares. Así, entre abril e decembro do ano pasado, podemos falar dunha taxa de crecemento do 43% no que se refire ós ingresos.
Quen ten a “culpa” de todo isto? Non hai que poñer o enxeño a tope de voltas para decatarse de que a Wii é responsable deste espectacular crecemento, consola que segundo os medios conseguiu impoñerse de xeito claro sobre as súas grandes competidoras: a PlaStation3 de Sony e a Xbox 360 de Microsoft. Dende que se puxo no mercado o pasado mes de novembro, a compañía responsable da Wii conseguiu vender 3,19 millóns de consolas, sendo a previsión poñer no mercado 6 millóns denantes de que remate o ano fiscal, non vindeiro mes de marzo.

PUBLICIDADE