A Xbox Series X estrearase con milleiros de xogos retrocompatibles

venres, 29 de maio do 2020 Marcus Fernández

A cancelación da feira E3 levou a que os fabricantes de consolas non se visen forzados a presentar as principais novidades das súas consolas de nova xeración de vez, e así poden ir dosificando a información e incrementando a expectación de cara ao lanzamento das novas máquinas na campaña de Nadal. No caso de Microsoft, aínda que non está previsto que amosen os grandes xogos da Xbox Series X até o mes de xuño, queren salientar que estaremos ante a consola máis compatible de todos os tempos, cunha grande aposta pola retrocompatibilidade, que botará a andar con milleiros de xogos que poderán xogarse mellor que nunca, xa que poderán tirar proveito de funcións como a nova técnica de reconstrución HDR e Quick Resume (para poder continuar as partidas sen grandes esperas).
No caso da Xbox One a retrocompatibilidade foi evolucionando progresivamente, cun catálogo de xogos que foi medrando con bastante calma (até superar os 500 xogos de Xbox 360), pero coa nova consola o catálogo de xogos compatibles de anteriores consolas será inmenso dende o primeiro día. Dende Microsoft aseguran que a Xbox Series X estrearase con milleiros de xogos compatibles, buscando así que o salto de xeración poida realizarse sen traumas, xa que permitiría manter a colección de xogos actuais, e boa parte dos xogos anteriores ofrecerían unha experiencia moi superior na nova máquina, reducindo tempos de carga e podendo presentar gráficos máis detallados e con maior taxa de fotogramas por segundo, todo iso a nivel de plataforma, ou sexa, que os desenvolvedores dos xogos non terán que destinar recursos para levar os seus vellos xogos á nova consola.

PUBLICIDADE