A Xunta constata no CNTG o éxito dos graos C de formación de informática para desempregados

martes, 17 de marzo do 2026 S. P.

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou na mañá deste martes 17 de marzo, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), o alumnado que está a piques de rematar catro graos C de formación profesional da familia informática dirixidos a persoas desempregadas. Alí puxo en valor as oportunidades laborais que brindan estas accións coas que se obteñen os correspondentes certificados profesionais.
En concreto, os cursos que están a piques de acabar (e nos que se anotaron máis de 40 persoas) son os de Programación con linguaxes orientadas a obxectos e bases de datos relacionais, Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web, Operación de sistemas informáticos e Xestión de sistemas informáticos.
A directora xeral xustificou a escolla na alta inserción laboral da que goza este sector, polo que se seguirán programando, dixo, accións deste tipo.
Nesa liña, está aberto o prazo para que as persoas desempregadas interesadas se inscriban en dous novos cursos tamén da familia informática, que se impartirán no CNTG durante os meses de abril, maio e xuño. Abordarán o desenvolvemento de compoñentes software en linguaxes de programación orientadas a obxectos e o desenvolvemento de compoñentes software en contorna de cliente respectivamente.
A maiores, Lado puido comprobar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia o desenvolvemento das accións formativas para persoas traballadoras actuais e futuras do sector TI galego. Así, no marco da programación actual, o centro imparte 151 cursos e 134 seminarios.
Dos cursos, xa se levan impartido un total de 96, nos que amosaron interese máis de 4.800 persoas (cunha demanda de 2,56 persoas por praza). A directora xeral engadiu que as accións formativas foron valoradas polo propio alumnado cunha cualificación media de 9,22 sobre 10. Mentres, na banda dos seminarios técnicos, desenvolvéronse 80, aos que asistiron unhas 1.400 persoas.