A Xunta dá a coñecer ós premiados pola posta en marcha de recursos formativos sobre redes

mércores, 19 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Xa podemos consultar no Diario Oficial de Galicia (aquí, en pdf) a listaxe de premiados (centros e mestres) pola Consellería de Educación polo seu compromiso a prol do afianzamento da Sociedade da Información no ensino non secundario a través do desenvolvemento de recursos formativos. Entre os galardoados pola Xunta atopamos no primeiro lugar da modalidade de ferramentas de autor a Feliciano José Couto Escanciano, que recibirá 6.000 euros polo seu Proxecto Xogamos?.
Este mestre, que desenvolve unha boa parte do seu traballo no Centro de Educación Especial Nosa Señora de Lourdes da Coruña, ten ampla experiencia no eido dos blogs (a través de A Clase Branca) e leva anos apostando polo emprego das novas ferramentas da comunicación (como por exemplo as bitácoras en liña) para favorecer a colaboración dos pais e das nais nos labores formativos dos seus fillos e fillas.
Polo que respecta ó resto dos premiados, atopamos no primeiro posto da modalidade de aplicacións de software libre a un vello coñecido desta web, Manuel Morán, quen, botándolle unha man ó seu ex alumno Óscar Hermida (estudante do IES Chan do Monte de Mogor en Marín), contribuíu a pór en marcha a ferramenta Traducíndote, sistema apoiado na base do OpenTrad e que permite traducir documentos Open Office en dous sensos e a través de múltiples pares de linguas: galego, español, catalán e portugués. En A Nosa Terra inclúen estes días unha reportaxe completa sobre o labor de Manuel Morán.
Incluímos a continuación a listaxe enteira de premiados:

Modalidade A: ferramentas de autor
· 1º Premio (6.000 €) Proxecto Xogamos?, Feliciano José Couto Escanciano
Modalidade B: materiais curriculares web
· 1º Premio (6.000 €) A auga, aplicacións enerxéticas na Galicia preindustrial, Antonio Lomba Baz ç
· 2º premio (4.000 €) Tecnoloxía na ESO, María Loureiro González
· 3º premio (3.000 €) Planeta dixital, José Carlos Vázquez Martínez
· 3º premio (3.000 €) Tempus fugit, Agustín Carracedo Santos
· 3º premio (3.000 €) A empresa no cine, José Ramón Fraga Rodríguez
· 3º premio (3.000 €) Dicionario de termos de arte, Xosé Manuel Vicente Trigo
Modalidade C: galerías de imaxes e vídeos didácticos
· 1º Premio (3.000 €) A cova de Ceza, Javier Santiago Caamaño
· 3º premio (1.000 €) A volta do xogo popular, José Luis Río Silva
Modalidade D: aplicacións de software libre
· 1º Premio (6.000 €) Traducíndote, Manuel Morán Vaquero
· 2º premio (4.000 €) Websqusr, Francisco Javier Taboada Aguado
· 3º premio (3.000 €) Galinux-Slax, Teodosio Francisco Ramírez Jorquera

PUBLICIDADE