Traducíndote: innovadora ferramenta galega para traducir documentos de Open Office

mércores, 24 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

O panorama da tradución en liña en Galiza vén de recibir un novo pulo. Concretamente da man de Traducíndote, unha ferramenta desenvolvida sobre a base do OpenTrad (sistema de tradución automática con participación de informáticos da nosa terra). En verdade, podería cualificarse como unha mellora do OpenTrad ou (tamén) un exemplo de que a innovación non ten por que vir só das grandes multinacionais da tecnoloxía situadas no que poderíamos chamar os eixes da Sociedade da Información. Non: o programa Traducíndote vén de Galiza da man dun alumno do Instituto de Educación Secundaria Chan do Monte de Mogor, en Marín, e é software libre. Isto que significa? Significa que está a disposición de todos e que lle podemos ver as entrañas e, no caso de estar en disposición de melloralas, meterlle man. A gran incoporación do programa en relación co OpenTrad é que permite traducir documentos Open Office en dous sensos e a través de múltiples pares de linguas: galego, español, catalán, portugués. Ademais, o proceso de tradución non afecta ó formato dos arquivos (poden incluír imaxes ou táboas ou calquera outro elemento que non sexa texto). A orixe de Traducíndote, como a dunha boa parte das ferramentas de fonte aberta, está na solución dun problema concreto (neste caso de tradución) que finalmente deixa de ser unha cuestión persoal. Dito doutro xeito: presentar un programa desta índole é como inventar unha ferramenta útil na casa, para o teu uso, e logo repartir no mundo a mesma ferramenta co manual de fabricación.
O responsable deste desenvolvemento (Óscar Hermida, alumno do Ciclo Superior de Informática do devandito IES de Marín) tivo entre mans un problema ben concreto que requiría unha solución. O traballo a levar a cabo era a tradución dun documento. Como facelo no futuro do xeito máis doado e sen perder máis tempo do debido? Neste punto, cómpre sinalar que moitos programas que trasladan textos dunha lingua a outra que hai hoxe en Internet non permiten trasladar documentos enteiros. Polo tanto, con máis razón cumpría poñer o enxeño a proba. Aconsellado polo seu titor, Manuel Morán (profesor de informática do centro), programou o dito proxecto de tradución, co fin de que servira para outra xente. Neste punto, foi cando finalmente o concreto pasou a ser universal.
A ferramenta foi posta en marcha o pasado luns 15 de xaneiro. Atópase en fase de probas, o que non é cen por cen correcto, xa que funciona á perfección cos pares de linguas que inclúe. En realidade, sería máis correcto dicir que non se trata dun proxecto pechado, senón dunha iniciativa que contempla a cotío a incorporación vindeira de novas linguas e novas funcións. “O de fase de probas é moi relativo”, comenta Manuel Morán, “xa que mesmo Google sinala que o seu Gmail está nese período e todo o mundo o usa”. O caso é que unha das razóns de ser de Traducíndote é (precisamente) o de ficar activo e en perpetuo estado de renovación. Non en van, xa o podemos ver na Forxa, o obradoiro de software libre da web mancomun.org, onde se presentou e está a disposición de quen queira descargalo, melloralo e mesmo penduralo nunha páxina web.
Obxectivamente, o programa funciona moi ben, sobre todo grazas á semellanza que existe entre as linguas románicas”, comenta Manuel Morán. E engade: “A súa gran baza é que permite documentos enteiros sen alterar o formato e o límite para trasladar textos dunha lingua a outra é o que che impón o servidor”. Ademais, sinala, aparece xusto no intre en que máis se precisa, “coa gran demanda de tradución que existe na comunidade estudantil, nas mesmas empresas de variados sectores e nas institucións públicas, que xa amosaron por certo moito interese na ferramenta”. Neste sentido, si que é certo que o desenvolvemento espertou interese na comunidade internauta. Para facérmonos unha idea, a cifra de visitas á web do IES dende que foi presentado aquel é de máis de 50.000. Os obxectivos do programa son claros e van encamiñados a poñerlle rodas e a axilizar o traballo de milleiros de persoas: favorecer o día a día dos alumnos de calquera escola, instituto ou facultade, do persoal administrativo e dos traballadores dunha chea de empresas, cada vez máis suxeitas a un proceso que, por outra banda, non carece de lóxica: afacerse ás distintas falas dos seus provedores ou clientes.
O programa está baseado nos traballos do consorcio OpenTrad (do que forman parte a Universidade de Vigo e a empresa galega Imaxin) e máis concretamente no Apertium (un dos froitos do OpenTrad). Este programa, na súa orixe, unicamente estaba deseñado para trasladar documentos entre linguas vinculadas. Porén, co paso do tempo fixéronse os cambios necesarios para incluír idiomas afastados do eixe das románicas (é o caso do éuscaro). Trátase de software libre, liberado baixo licenzas GNU GPL.

PUBLICIDADE