A Xunta e Vodafone levan cobertura móbil e datos a 210 núcleos rurais illados

mércores, 28 de xaneiro do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia, a través da AMTEGA, e Vodafone España están a desenvolver un proxecto para ampliar a rede de telefonía móbil en Galicia e dotar de cobertura de voz e Internet a 210 núcleos rurais illados nos que residen máis de 5.000 persoas. A iniciativa dá servizo a 55 concellos e foi aprobada pola Comisión Europea, convertendo Galicia na primeira comunidade autónoma en contar cunha liña específica de axudas para a extensión da rede de telefonía móbil.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou durante unha visita á nova torre de telefonía instalada no concello ourensán de Leiro que este proxecto garante o acceso a servizos básicos en todo o territorio. «Imos garantir o acceso aos servizos básicos ata onde permita a técnica e as telecomunicacións son hoxe en día un servizo fundamental», subliñou.
A infraestrutura visitada permite ofrecer cobertura a 104 veciños dos núcleos de Paredes e Sá. No conxunto do proxecto, o investimento ascende a 10,6 millóns de euros, destinados á construción de 68 torres en 48 concellos e á execución das acometidas eléctricas necesarias para achegar o servizo á cidadanía. Estas actuacións melloran a cobertura móbil en 210 núcleos rurais repartidos polas catro provincias galegas.
Pola súa banda, o conselleiro delegado de Vodafone España, José Miguel García, sinalou que «esta despregadura permite dar cobertura de voz e datos por primeira vez a moitos núcleos en condicións equiparables ás dos contornos urbanos, tanto no interior como no exterior das vivendas», e asegurou que a mellora da conectividade contribuirá a impulsar a actividade económica local e a calidade de vida da poboación.
Grazas a esta despregadura, os usuarios poden acceder a servizos de banda larga móbil de alta calidade tanto no interior como no exterior das súas casas, incluíndo estradas e camiños de acceso. As chamadas de voz tamén melloran coa tecnoloxía VoLTE, sendo este un dos obxectivos centrais do proxecto. En moitas destas zonas rurais illadas trátase da primeira vez que dispoñen de cobertura móbil.
A actuación enmárcase no proxecto PR608A (Extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados), adxudicado pola Xunta a Vodafone en decembro de 2021 para mellorar a cobertura en áreas afastadas dos grandes centros urbanos que non contaban con servizo de ningunha operadora. Vodafone logrou recuperar o 90,2 % do investimento efectuado en equipamento, cun gasto neste ámbito de 2.469.708 euros.
A extensión da rede foi posible grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e Vodafone España. Os concellos encargáronse de ceder os terreos e identificar os núcleos con problemas de cobertura, a entidade pública Retegal habilitou as torres necesarias e Vodafone dotou a rede do servizo de telefonía móbil.

O rural, un espazo de oportunidades

Esta iniciativa forma parte da aposta da Xunta por consolidar o rural galego como un espazo de oportunidades no que vivir, investir e traballar, garantindo a igualdade no acceso aos servizos básicos en todo o territorio. «Isto é construír Galicia. Galicia Calidade tamén é ter servizos básicos en calquera sitio e garantir a igualdade entre os cidadáns», afirmou Rueda, quen salientou que a mellora das telecomunicacións permitirá asentar poboación no rural e aproveitar novas oportunidades, como atraer nómades dixitais.
O presidente lembrou que o Goberno galego leva anos reclamando ao Estado que a telefonía móbil sexa considerada un servizo universal das telecomunicacións. Ante a falta deste recoñecemento, e sendo o Goberno central quen ten as competencias nesta materia, a Xunta solicitou á Comisión Europea permiso para ampliar a rede de telefonía móbil na comunidade e dar resposta aos problemas de cobertura que sufrían moitos veciños de zonas illadas.
A Comisión Europea aprobou esta solicitude e incorporou a iniciativa galega como exemplo para o conxunto da Unión nas Directrices para axudas estatais de redes de banda larga aprobadas no ano 2023. Galicia converteuse así na primeira comunidade en recibir unha liña de axudas europea para ampliar a súa rede de telefonía móbil.