A Xunta inicia a implantación dun laboratorio e centro demostrador para anticipar riscos e validar solucións de ciberseguridade

xoves, 26 de febreiro do 2026 Redacción

O director da AMTEGA, Damián Rey, inaugurou hoxe a xornada que dá comezo á instalación e posta en funcionamento dun laboratorio e centro demostrador transversal de ciberseguridade da Xunta. A nova infraestrutura, integrada por dous laboratorios complementarios, situarase nun primeiro momento na Cidade da Cultura e formará parte do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se constrúe en San Cibrao das Viñas (Ourense).
Durante a súa intervención, Rey subliñou que a Xunta promove esta infraestrutura estratéxica, chamada a converterse nun elemento clave para reforzar o ecosistema galego de seguridade dixital e para preparar o tecido produtivo ante os desafíos tecnolóxicos emerxentes. Na actualidade avánzase na despregadura progresiva do equipamento tecnolóxico e na adecuación dos espazos, coa previsión de que os dous laboratorios estean plenamente operativos a finais do vindeiro mes de xuño.
En paralelo á implantación técnica, comezan tamén diversas accións divulgativas e formativas asociadas aos laboratorios. A primeira foi a xornada informativa celebrada hoxe, centrada na ciberseguridade industrial. A sesión abordou esta materia desde unha óptica práctica e estratéxica, analizou o seu crecente impacto normativo e serviu para presentar iniciativas de formación especializada, así como para compartir a visión do ecosistema galego a través dun panel de expertos.
O novo laboratorio permitirá dotar Galicia de capacidades avanzadas de experimentación, validación e demostración tecnolóxica, situando a Comunidade como referente en ciberseguridade aplicada tanto a produtos dixitais como a contornas industriais. Ademais, favorecerá a innovación, a transferencia de coñecemento e a colaboración público-privada.
A actuación enmárcase no programa RETECH (Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica) e conta con financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea (NextGenerationEU), a través do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE).
O proxecto, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, insírese nunha iniciativa máis ampla orientada á creación dunha rede galega de laboratorios e centros demostradores de ciberseguridade, en colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Universidade de Vigo, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), co obxectivo de fortalecer a investigación, a innovación e a transferencia de solucións en ciberseguridade ao tecido produtivo galego.
O laboratorio transversal, integrado polo Laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade en produtos con elementos dixitais e polo Laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade industrial, actuará de maneira coordinada para reforzar as capacidades de empresas, administracións públicas e cidadanía fronte ás novas ameazas dixitais.