A Xunta inicia en Chantada unha campaña para evitar o ciberacoso entre a mocidade

mércores, 4 de marzo do 2026 S. P.

O Espazo Xove de Chantada acollerá esta semana o inicio da xira de sensibilización

A Xunta de Galicia bota a andar no municipio lucense de Chantada unha campaña para evitar o ciberacoso entre a mocidade fomentado entre a rapazada “un uso responsable e empático das novas tecnoloxías”. A iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolverase ata principios de abril en seis centros Xove das catro provincias, co obxecto de estendelo ao resto destes espazos que o Goberno galego ten por todo o noso territorio.
A campaña, impulsada desde a Dirección Xeral de Xuventude, arrinca como dixemos esta semana no Espazo Xove de Chantada, coa participación de alumnado de Educación Secundaria, que é, segundo remarca a Consellería, “en boa medida ao que vai dirixida esta iniciativa, xa que se ten en conta a importancia da concienciación nestas idades para incidir aos mozos e mozas nun bo uso destas tecnoloxías e tamén axudarlles a detectar e evitar un emprego incorrecto das mesmas”.
Tras este municipio, o programa desenvolverase tamén nos centros Xoves pontevedreses de Lalín, o 18 de marzo ás 16,30 horas, e de Tui, o 24 de marzo ás 11 horas. A continuación, celebrarase no coruñés de Betanzos, o 25 de marzo, e a o día seguinte, o 26 de marzo, organizarase no espazo Xove de Ourense, para rematar a campaña no mes de abril no municipio coruñés de Noia. En todo caso, o obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é estender o proxecto ao resto destes centros Xove que a Xunta de Galicia ten repartidos por todo o territorio da Comunidade.
Participación de creadores dixitais
A campaña basea a súa eficacia “na implicación activa da rapazada en dinámicas que favorezan o coñecemento das situacións de ciberacoso ou de risco, á vez que darlles ferramentas para saber como actuar se o sofren directamente ou recoñecen a outras persoas nesas situacións”, explicaron fontes da Consellería, engadindo que a dinámica incluirá a creación de grupos de debate con todos os participantes nos que compartirán respostas, estratexias ou actitudes que interpreten como correctas para previr e facer fronte a este tipo de comportamentos.
O obxectivo é poñelas/os “na situación de que alguén publique fotos súas sen o seu permiso, a mofa nun grupo de Whatsapp ou redes sociais dun compañeiro ou que unha persoa descoñecida os agregue nun multixogo en liña e lles pida falar a través dun chat privado”.
A continuación, crearán e consensuarán entre todos un manual con medidas contra o ciberacoso.
Ademais, nestas actividades faranse proxeccións de curtas que abordan estas cuestións e poráselles en contacto con testemuñas de casos reais que teñan sufrido ciberacoso. A campaña complétase coa participación de creadores de contidos dixitais afíns a estas franxas de idade que lles darán consellos de primeira man, como Paula Quintela, que participará nas cita de Lalín e Noia; Miguel Mandayo, que ademais de colaborar con contido de concienciación, asistirá ao Centro Xove de Lalín, e Santiago Caamaño coñecido como Champi Muros, quen estará presente na xornada que se celebrará en Noia.