A Xunta licita o servizo para garantir a operativa das súas infraestruturas tecnolóxicas

luns, 6 de abril do 2026 Redacción

A Xunta vén de dar luz verde á licitación dun novo servizo destinado a asegurar o funcionamento e a dispoñibilidade das infraestruturas e plataformas tecnolóxicas do sector público autonómico. O contrato, autorizado polo Consello de Goberno, conta cun orzamento de 6,7 millóns de euros (IVE incluído) e un valor estimado de 13,3 millóns de euros, distribuídos entre as anualidades 2026, 2027 e 2028.
Esta contratación busca dar resposta á crecente complexidade dos sistemas tecnolóxicos da Administración galega, reforzando a súa xestión mediante apoio especializado. O obxectivo é garantir a continuidade e a calidade dos servizos dixitais públicos, complementando os recursos propios da Administración.
O servizo abranguerá o mantemento, a xestión, o soporte e a evolución dos sistemas informáticos que sustentan estes servizos. Inclúe tarefas como a instalación, configuración, actualización e operación de compoñentes hardware e software, así como a monitorización dos sistemas para previr incidencias, resolver fallos e reforzar a súa seguridade.
Ademais, a empresa adxudicataria asumirá funcións relacionadas coa administración de cambios, a xestión da configuración, a realización de copias de seguridade e a atención de incidencias e solicitudes. O dispositivo técnico deberá estar operativo de maneira continua, con dispoñibilidade as 24 horas do día durante toda a semana.
O contrato contempla tamén a activación de franxas de servizo específicas para atender necesidades extraordinarias, como intervencións programadas, picos de carga ou incidencias que requiran unha resposta reforzada.
Xunto a estas tarefas, prestarase apoio técnico especializado en ámbitos como a arquitectura tecnolóxica, así como servizos de asesoramento, formación ao persoal e análise de melloras nas infraestruturas xestionadas pola AMTEGA.
O prazo de execución previsto é de 24 meses, con posibilidade de prórroga por un período adicional igual ou inferior, tendo en conta no valor estimado as opcións de modificación e ampliación do contrato.