A Xunta licita solucións informáticas de análise médica de apoio ao diagnóstico para o SERGAS

venres, 23 de xaneiro do 2026 Redacción

A Xunta publicou no Portal de Contratos Públicos a licitación de solucións de análise de imaxe médica de apoio ao diagnóstico en distintas especialidades para o Servizo Galego de Saúde, cun orzamento de 1.464.100 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de febreiro.
Esta actuación permitirá dotar o sistema sanitario de ferramentas automatizadas baseadas en algoritmos de intelixencia artificial para o procesamento de imaxe diagnóstica, co obxectivo de apoiar o persoal clínico na interpretación das probas. Ao tempo, contribuirá a mellorar a calidade do diagnóstico e a garantir a integración destas solucións cos sistemas corporativos do Servizo Galego de Saúde.
A contratación, enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiada pola Unión Europea, estrutúrase en catro lotes. O primeiro inclúe o subministro, a instalación e a posta en marcha dun software destinado á automatización da lectura en citoloxía xinecolóxica, orientado á identificación de células anormais.
O segundo lote corresponde a un sistema de software para a análise automatizada de imaxes histopatolóxicas vinculadas ao cancro de mama, que permita identificar e segmentar rexións tumorais, así como ao cancro de próstata, coa cuantificación do tecido prostático afectado polo tumor.
O terceiro lote contempla a contratación dun software para a análise automatizada de imaxes radiolóxicas musculoesqueléticas e de tórax, con capacidades avanzadas de apoio ao diagnóstico para a detección automática de patoloxías frecuentes, lesións, fracturas ou dislocacións.
Finalmente, o cuarto software que se contratará permitirá a análise automatizada de imaxes oftalmolóxicas, co fin de apoiar o persoal clínico na interpretación e detección automática de diversas patoloxías, entre elas a retinopatía diabética e outras afeccións, así como no control da calidade diagnóstica.