A Xunta mobilizou 4 millóns de euros para a modernización e dixitalización do comercio galego
venres, 8 de maio do 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, fixo balance da convocatoria autonómica de axudas de 2026 destinadas ao impulso da innovación, modernización e sostibilidade do comercio local e artesanal, así como ao desenvolvemento do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que, segundo dixo, acadou xa un grao de execución do 75 %, con 50 das 74 accións en curso.
No relativo ás axudas ao tecido comercial, viñeron cunha dotación de 4 millóns de euros este ano e un grao de execución do 100 %, sinalou, salientando “que o éxito da convocatoria débese sobre todo á simplificación administrativa, á escoita activa e á adaptación constante aos requirimentos do sector”. Explicou que a orde integra tres grandes liñas de apoio: a mellora estética e funcional dos establecementos comerciais, con axudas de ata 15.000 euros; a dixitalización dos negocios, con achegas de ata 16.000 euros para a mellora de ferramentas tecnolóxicas, presenza dixital e adaptación á facturación electrónica; e a sustentabilidade ambiental, con axudas de ata 2.000 euros para materiais de empaquetado ecolóxicos e reciclados. “O conxunto destas actuacións pode acadar un financiamento de ata 33.000 euros por comercio, cunha intensidade de axuda do 80 %”, dixo.
Alén puxo tamén en valor outras actuacións encamiñadas á dixitalización para impulsar a súa competitividade, como as xornadas de experimentación tecnolóxica desenvolvidas a finais do pasado ano en colaboración con Gaiástech, que permitiron achegar novas ferramentas dixitais ao sector e que se estenderán a distintos puntos de Galicia co obxectivo de divulgar boas prácticas, fomentar a innovación e compartir experiencias de éxito.
Así mesmo, destacou o apoio do Goberno galego ao asociacionismo comercial, subliñando as achegas aos centros comerciais abertos (CCA), cun investimento próximo aos 2,5 millóns en 54 cidades e vilas galegas, co fin de dinamizar e profesionalizar o comercio local. Neste senso, e como mostra da excelencia galega, destacou o galardón e a mención honorífica —respectivamente—que veñen de recibir os CCAs de Ribadeo e Marín nos Premios Nacionais de Comercio. Tamén salientou a colaboración coa Federación Galega de Comercio a través de campañas xa consolidadas como Días Azuis e Merca no teu comercio, así como o novo campus formativo xa en marcha, adaptado ás necesidades reais dos comerciantes e orientado á mellora da súa competitividade.
O director xeral subliñou outras medidas recollidas no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia, entre as que destacou o apoio ás prazas de abastos, proxectos de dinamización comercial de vilas senlleiras como o piloto de Vivas Vivas en Ribadavia ou a iniciativa Localízate, dirixida á mocidade de ESO e FP Básica.
“Este curso inscribíronse máis 2.500 alumnos para fase desenvolvida nos centros educativos na que elaboraron propostas para impulsar o comercio local e, actualmente, preto de 1.000 —cos traballos mellor valorados na aula— están a realizar xincanas nas principais prazas de abastos e zonas comerciais das sete cidades galegas”, dixo, engadindo que o martes 12 será a quenda de Ourense.
