A Xunta ofrece 1.750 novas prazas e 36 cursos en liña para preparar os exames CELGA

mércores, 11 de febreiro do 2026 S. P.

A Xunta de Galicia ofrecerá este ano 1.750 novas prazas para preparar a certificación de competencias do galego (CELGA) nos diferentes niveis. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na resposta a unha interpelación no Parlamento de Galicia na que explicou que “en total ofertaranse 50 cursos para que cada vez máis persoas, desde calquera lugar do mundo, poidan aprender e certificar as súas competencias na lingua acudindo posteriormente ás probas”.
O conselleiro salientou a importancia de “brindar á cidadanía oportunidades para estudar, examinarse e aprender o noso idioma”. Máis polo miúdo, dixo, “ás persoas non nadas en Galicia “ás que debemos achegar a nosa cultura e a nosa lingua co fin de impulsar e prestixiar o uso do noso idioma en distintos ámbitos e contextos da sociedade”.
Con este obxectivo, o Diario Oficial de Galicia publicou este 11 de febreiro unha convocatoria composta por 14 cursos presenciais e 36 en liña. Trátase dunha formación que pode ser solicitada a partir deste 12 de febreiro a través do Portal da Lingua (Secretaría Xeral de Lingua) por calquera persoa maior de 16 anos que desexe mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral da Lingua convoca periodicamente para acreditar as súas competencias nos niveis CELGA 2, 3 e 4.
O conselleiro dixo que “ademais desta formación preparatoria, o Goberno galego tamén ofrece unidades específicas dirixidas a persoas non nadas en Galicia para dar maior pulo ao emprego do noso idioma ante o incremento do número persoas provenientes de fóra da Comunidade”.
López Campos explicou que o pasado ano foron 1.500 os alumnos e alumnas de ata 34 nacionalidades os que participaron nesta iniciativa. “A través desta medida, unha das primeiras postas en marcha ao abeiro do Pacto pola Lingua, estudaron o idioma galego persoas de lugares como Colombia, Perú, Cuba, Marrocos, Brasil, Arxentina ou a República Dominicana”.
Engadiu tamén que foron levadas a cabo propostas formativas para dinamizar o uso do idioma en moi diversos eidos e sectores profesionais, como o do sanidade, o da xustiza ou o da administración. A estas accións, tal e como subliñou, “uníronselle outras para impulsar o uso do galego nas tecnoloxías, coa súa incorporación en videoxogos, aplicacións educativas ou coa creación de contidos en distintas plataformas dixitais”.