A aplicación galega Tilín Tilín axúdanos na procura da parella ideal

xoves, 28 de xaneiro do 2016 Redacción

Entre as iniciativas innovadoras que se están a impulsar este ano ao abeiro da aceleradora VíaGalicia atópase o desenvolvemento dunha tecnoloxía directamente encamiñada a “xerar felicidade”. Trátase de Tilín Tilín, unha aplicación de telefonía móbil que, como indica o seu propio nome, axuda aos usuarios a atopar aquelas persoas coas que sintonizan mellor. A ferramenta, impulsada por dous emprendedores de Lugo (Javier e Miguel Morandeira) forma parte dos proxectos de Lugo que aspiran a seren finalistas en VíaGalicia, un programa da Zona Franca de Vigo e da Xunta que abrangue axudas de até 125.000 euros. A aplicación preséntase perante o mundo como unha tecnoloxía “para coquetear con discreción e sinxeleza”.
Podemos descargala se somos maiores de dezaseis anos e, a partir de aí, non hai límite de idade. Para tirarlle partido “só teremos que elixir un dos contados da nosa axenda cos que queiramos ter algo máis ca unha relación de amizade, e premer sobre o seu nome facendo tilín”. O funcionamento, a partir de aí, é en boa medida semellante ao que adoita acontecer na vida off line, pero desta volta coa axuda do móbil e dos novos recursos de comunicación: se temos sorte, a persoa elixida tamén premerá no noso perfil e abrirá un chat, unha conversa particular na que “poderemos propoñer actividades variadas para realizar de maneira conxunta e coñecernos un pouco máis”.
A aplicación galega, que é de balde, xurdiu co seguinte obxectivo: dar forma a unha rede social que sexa quen de establecer polo menos dúas parellas por cada 40 usuarios rexistrados. Segundo fan saber os seus impulsores, do que se trata é de “facer doado o difícil”. Ou sexa, de facilitar ao máximo o en ocasións complexo labor de tentar establecer amizade con outra persoa. A aplicación, de feito, permite iniciar comunicacións coa persoa da nosa axenda “pola que sempre sentimos predilección”. A gran vantaxe é que non se desvelará a nosa identidade se a outra persoa non se apunta tamén a facer tilín.

PUBLICIDADE