A canle dixital Redondela Aberta incorpora gravacións da vila dos anos 70

martes, 16 de decembro do 2025 S. P.

Dende o Arquivo Municipal de Redondela anuncian a estrea dun apartado no seu fondo audiovisual, dentro da canle dixital Redondela Aberta.
As primeiras achegas son tres películas de comezos da década dos 70 con imaxes da vila, vistas panorámicas, festas, etc. Os filmes foron dixitalizados por unha empresa especializada a partir de bobinas de Super 8 cedidas pola familia Cayetano Rodríguez. A familia, emigrada á Arxentina, gravou estas pezas en varias viaxes á súa vila natal.
Indo aos vídeos, neles pódese ver a Festa da Coca, a Danza das Espadas na que participaban tanto homes como mulleres, a Coca e a procesión. Hai tamén escenas na Alameda, a praza da Alfóndiga e vistas panorámicas dende o viaduto de Madrid. Salienta unha escena do paso dun tren de mercadorías polo viaduto, antes de que quedara en desuso co peche da liña en 1971.
Hai tamén vídeos de escenas tradicionais como mulleres lavando no río Alvedosa, mariscadoras na enseada e a feira cando se facía na Xunqueira con venda de gando. Iconas xa desaparecidas como a fábrica de Regojo ou o Cine Coca tamén se recollen nestas películas, así como celebracións nas parroquias: a festa da Peneda, a festa de Reboreda e comida no prado do Carballo das Cen Pólas, a festa do Carme de Cesantes e a vendima no Viso. Entre as filmacións tamén hai escenas da ría de Vigo, a Illa de Toralla antes da construción do edificio e a partida en barco dende o porto vigués.
Este traballo é o resultado da colaboración dos departamentos de Arquivo e Novas Tecnoloxías, que permiten agora difundir estas tres películas para que calquera persoa poida velas libremente a través da web de Redondela Aberta.
A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu a xenerosidade da familia Cayetano “xa que contar con estas imaxes no arquivo municipal é un verdadeiro luxo para o Concello e para todos os veciños e veciñas, tanto os que viven actualmente en Redondela como os que están fóra”. As irmás Luisa e Natalia Cayetano, que viven agora en Redondela, visitaron o Concello para recoller as películas orixinais. Tamén se lles entregou unha copia dixitalizada dos filmes. Rivas, xunto aos concelleiros de Cultura, Rita Pérez, e de Novas Tecnoloxías, Antonio Cabaleiro, visionaron con elas fragmentos destes vídeos cos que se inaugura o fondo do arquivo audiovisual do Concello. ata o de agora todos os documentos en custodia do Arquivo Municipal eran fotografías e os vídeos recollidos en Redondela Aberta foron todos realizados polo propio Concello e de datas recentes.