A chegada de Windows Vista podería provocar unha baixada do precio dos ordenadores de cara ó Nadal

mércores, 8 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Mercar un ordenador novo de cara o Nadal normalmente non é unha boa idea xa que os problemas de provisión en épocas de grande demanda poden provocar demoras na entrega do equipo e mesmo subas no prezo dos compoñentes, mentres que agardar ás rebaixas de xaneiro tamén resulta ridículo, xa que ese concepto non existe na informática de consumo (os prezos están en rebaixa continuamente, polo que normalmente se di aquilo de que “un ordenador está obsoleto dende o momento no que sae da tenda”).
Pero este ano pode ser moi diferente a xuízo dalgúns analistas, xa que o Windows Vista vai cambiar o panorama comercial, de xeito que sosteñen que moitas tendas poderían reducir os prezos dos seus equipos para vender os sobrantes e aproveitar a campaña de Nadal, xa que o novo sistema operativo de Microsoft será máis esixente co hardware empregado de xeito que os ordenadores actuais que non destaque especialmente en prestacións poderían verse relegados ós almacéns se non se venden antes do 30 de xaneiro (data na que chegará o novo sistema operativo de Microsoft ós consumidores domésticos).
Miriam Pereira, de Microsoft Ibérica, amosando o Windows VistaAsí, xa sosteñen que o 70% dos portátiles se venderán a menos de mil dólares (o que en España se pode traducir directamente a euros) mentres que os equipos sobremesa terán prezos de menos de 500 dólares na metade dos casos, o que indicaría unha clara rebaixa con respecto ós anos anteriores.
Lembremos que para un bo funcionamento de Windows Vista algúns expertos recomendan ordenadores con 2 Gb de memoria RAM e unha tarxeta de vídeo cuns 256 Mb de memoria propia (e compatibilidade coas últimas versións do DirectX) de xeito que a meirande dos equipos actuais (especialmente os portátiles) aínda que poidan executar o novo sistema operativo, non poderán sacar proveito do seu novo e revolucionario entorno gráfico (que para moitos é o motivo para actualizarse).
Haberá así quen recomende aproveitar o panorama actual para mercar equipos a bo prezo, mentes que os early adopters preferirán gastar unha cantidade de cartos desproporcionada para ter un equipo á altura do novo sistema operativo, o que tampouco parece moi razoable, dado que en poucos meses tódolos equipos novos o soportarán sen problemas (e así tampouco se padecerá pola falta dos controladores axeitados para tódolos nosos dispositivos, xa que os primeiros meses de vida dun sistema operativo normalmente se converten nun pesadelo para os seus usuarios, agás que conten cun equipo totalmente novo e adaptado para o mesmo).

PUBLICIDADE