A ciberdelincuencia e os xeitos de combatela eficazmente centraron a xornada Ourensec

venres, 8 de maio do 2026 S. P.

Este xoves 7 de maio celebrouse en Ourense a xornada Ourensec. Do ciberdelito ao xuízo organizada pola Asociación de Ciberseguridade de Ourense, unha iniciativa centrada na análise do fenómeno da ciberdelincuencia desde unha perspectiva integral, abordando tanto a súa investigación como a súa resposta xudicial. No acto, celebrado na Facultade de Informática (UVigo), participaron destacados profesionais do ámbito xurídico, policial e tecnolóxico, configurando un programa que permitiu afondar nos principais retos que presenta a seguridade dixital na actualidade.
En concreto, a actividade reuniu especialistas do ámbito xurídico, policial e tecnolóxico para ofrecer unha análise práctica da ciberdelincuencia, a investigación dixital e a súa proxección no ámbito xudicial. Para facelo, contou coa participación de representantes de diferentes institucións, así como de membros das forzas e corpos de seguridade, operadores xurídicos e especialistas en ciberseguridade, configurándose como un espazo de intercambio de coñecementos e colaboración interinstitucional.
Ademais da ESEI, da UVigo colaboraron nesta iniciativa as facultades de Dereito e de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.
O encontro arrancou ás 09.00 h coa participación de Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, e Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, que destacaron a crecente importancia da ciberseguridade e da formación neste eido, e foi clausurado ás 19.00 h por Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, quen puxo en valor a relevancia desta xornada “nun momento no que a transformación dixital avanza a gran velocidade e esixe respostas coordinadas, rigor técnico e compromiso institucional”.
O presidente provincial destacou que “cando falamos de ciberdelito, falamos tamén de confianza, de garantir dereitos e de protexer ás persoas nun entorno cada vez máis complexo”.
Menor quixo achegar tamén a súa experiencia profesional previa como letrado da Administración de Xustiza, subliñando que “o Dereito sempre vai detrás da realidade, pero non pode permitirse chegar tarde”, incidindo na necesidade de adaptar os instrumentos xurídicos e institucionais aos novos desafíos que presenta a ciberdelincuencia.
Amais, o presidente da Deputación incidiu na dimensión provincial da ciberseguridade, lembrando que “non é unha cuestión que afecte só ás grandes cidades ou ás grandes empresas, senón tamén aos nosos concellos, ao tecido produtivo e á cidadanía en xeral”. Así, destacou a importancia de acompañar aos municipios, especialmente aos de menor tamaño, no proceso de transformación dixital, garantindo que conten cos recursos necesarios para facer fronte aos novos riscos asociados ao uso das tecnoloxías.
O presidente provincial concluíu sinalando que “a ciberseguridade non é unha opción, senón unha necesidade para garantir a confianza democrática, a seguridade xurídica e a cohesión social”, comprometendo o traballo da Deputación para que a provincia de Ourense “estea preparada, protexida e conectada co futuro” e citou iniciativas como a adhesión da Deputación ao Centro de Operacións de Ciberseguridade de Entidades Locais, o que afondou na prevención, protección, detección, resposta inmediata, xestión de crise e asesoramento ante calquera incidencia de ciberseguridade nos concellos da provincia.
Pola súa banda, Efrén Varón, presidente de Asociación de Ciberseguridade de Ourense (Ourensec), explicou que a súa asociación, entidade sen ánimo de lucro que quere devolver á sociedade o que a sociedade inverte en ciberseguridade, organizou esta xornada co obxectivo de “intentar concienciar á sociedade de que a ciberseguridade é importante”. Así, advertiu, “é un problema que veu para quedarse e que cada día medra máis. Neste senso apuntou datos como que no último ano a incidencia de problemas de ciberseguridade aumentou un 56% nas empresas, destacando sobre todo as estafas BEC (business email compromise - correo corporativo comprometido), no que as e os ciberdelincuentes modifican datos de correos electrónicos para conseguir o envíen diñeiro ou datos confidenciais. Para previr e intervir ante esta ameaza, apuntou que “consideramos que no eido da ciberseguridade é moi importante concienciar tanto a particulares como empresas e institucións para evitar fraudes, estafas e problemas de todo tipo”.
A xornada contou cun amplo panel de relatores e intervencións, como as de Miguel Ángel Ruiz, fiscal delegado de Cibercriminalidade Informática na Fiscalía Provincial de Ourense; Francisco Pérez, adxunto da Agencia Española de Protección de Datos; Fernando Mairata, CEO de DLTCode; Antonio Vázquez, sarxento 1º da Garda Civil en Ourense; José Manuel Araujo, inspector xefe do Corpo Nacional de Policía e xefe da Brigada Investigación de Delitos Tecnolóxicos; o hacker Antonio Fernandes; José A. Cascallana, director de Laboratorios de Ciberseguridad Industrial en InprOTech; Manuela Fernández, do Colexio da Avogacía (ICA) Ourense; e Diego Cid, CEO de CQe-Solutions. Nas súas conferencias e charlas abordaron, desde a súa experiencia nos diferentes postos que ocupan, os retos que afronta a ciberseguridade.