A clausura do proxecto europeo I-Speed reunirá en Santiago a ducias de expertos en TIC e turismo

martes, 7 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

O Hostal dos Reis Católicos de Santiago, sede do acto de clausura, fotografado por Ángel Torres e visto na Galipedia

O proxecto europeo I-Speed, que ten como obxectivo mellorar a competitividade da economía do turismo local e rexional a través do afianzamento e emprego de novas tecnoloxías, chega á súa recta final en Compostela, este mes de setembro, cun reconto de todo o acadado ao longo do desenvolvemento do programa. Este, do que xa temos falado en Código Cero con motivo dunha xornada de traballo en Creta (onde se deron a coñecer, entre outras cousas, a web 2.0 de Turgalicia e do Xacobeo), celebra o 20 de setembro ao congreso de clausura, da man da Secretaría Xeral para o Turismo e outras entidades europeas. I-Speed, proxecto de colaboración tecnolóxica cofinanciado pola UE a través do Programa Interreg IV-C, reunirá no Hostal dos Reis Católicos a preto de 50 especialistas en TIC e turismo procedentes dos máis afastados recantos da contorna europea.
Máis polo miúdo, contarase coa presenza dos órganos de promoción turística de Venecia –cidade que lidera o proxecto-; o condado de Hedmark, en Noruega; Varsovia en Polonia; a rexión de Creta; o condado de Powys, no Reino Unido; Bucarest, en Rumanía; a provincia de Roma, en Italia, a Asociación Nacional de Municipalidades da República de Bulgaria –NAMRB-; a comunidade urbana de Nantes, en Francia, e tamén Galicia, a través da devandita Secretaría Xeral. Xuntos, analizarán as mellores prácticas europeas na aplicación de novas tecnoloxías dixitais no sector turístico, coa finalidade de favorecer a súa transferencia e o afianzamento en novos emprazamentos. Prácticas como por exemplo a Central de Reservas On-line de Turismo Rural de Galicia, recurso TIC para a xestión das reservas dos establecementos rurais de Galicia que, tal e como sinalamos recentemente dende esta web, foi quen de xerar e xestionar un importante número de aloxamentos, cifra que hoxe en día roldaría as 40.000 noites contratadas.