A curta do galego Alberto Vázquez sobre o paxaro-adolescente que non voa, na carreira dos Oscar
luns, 17 de xaneiro do 2011
A curtametraxe Birdboy, do galego Alberto
Vázquez, vén de facerse
un oco na listaxe de obras finalistas para os Oscar, dentro da modalidade de pezas breves de animación. A curta,
que xa conta con importantes recoñecementos (tralo seu paso polo Zinebi ou o
Festival Internacional de Foyle), ten o seu xermolo noutra linguaxe artÃstica,
a banda deseñada (o seu director é debuxante), máis polo miúdo no cómic Psiconautas, a carta de presentación do pequeno
paxaro que voa agora alto na grande pantalla. E tanto que se trata dun voo de
gran alcance: segundo se
conta na Rede, en só catro meses de pases, a fita xa tivo ocasión de
participar en máis de 30 certames de todo o mundo (incluÃndo Sitges, o Cinemad
de Madrid ou a Semana de Cine Fantástico de Donosti), recibiu tres galardóns e,
agora, foi quen de meterse na listaxe de obras preseleccionadas para os Oscar.
O proxecto, que contou con libreto do propio Vázquez,
foi posto en marcha xunto co produtor vasco Pedro Rivero. O financiamento foi
de só 75.000 euros, unha cantidade de cartos que malia non ser desorbitada,
segundo contan os responsables de Birdboy
non foi doada de conseguir. O principal atranco foi a innovación estética
que puxo en xogo: unha mestura de feituras animadas para a rapazada e unha estética
para adultos que para moitos investidores potenciais resultaba contraposta.
Dende o punto de vista do argumento, a obra
tamén resulta valente, e sobre o papel remite un pouco a Onde viven os monstros, de Maurice Sendak. De feito, os actores
principais son animais antropomórficos que tentan superar certas carencias
emocionais e algunha que outra dependencia aos estupefacientes. Birdboy, sen ir máis lonxe, é un paxaro
que non dá superado a súa adicción ás drogas, polo que non pode remontar o voo.
A duración da obra é de 12 minutos e en breve poderémola ver na páxina web de seu. Ao seu abeiro, está
previsto en breve comezar unha campaña en liña que favoreza no dixital o mesmo
que xa funcionou a nivel de festivais: o boca a boca.
Trailer de Birdboy