A demo de Pragmata permitirá optimizar a versión para PC

luns, 5 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

Está previsto que o 24 de abril chegue ao mercado Pragmata, un novo xogo de acción e aventura de ciencia ficción de Capcom, que dende o mes pasado conta cunha versión de demostración exclusiva en Steam, o que resulta un tanto sorprendente pola antelación deste adianto do xogo, pero cómpre aplaudir a iniciativa, xa que os responsables do título recoñecen que fixeron tal para poder optimizar debidamente a versión para PC do xogo.
Dada a grande diversidade de equipos informáticos, a realización de axustes para escenarios tan variados é todo un reto, de aí que a versión de demostración para PC leve xa varias semanas dispoñibles, facilitando así a realización de probas, para optimizar tanto o rendemento do xogo como o sistema de control (xa que en PC será incluso posible gozar do xogo con teclado e rato).
Pragmata é unha aventura futurística na que Hugh Williams e unha androide con forma de nena, Diana, deberán unir forzas para sobrevivir nunha xélida estación lunar de investigación. O xogo estará dispoñible para PC, PlayStation 5, Xbox Series X|S e incluso Nintendo Switch 2.

Tráiler do xogo