A galega APDTIC comeza a súa actividade asesorando ás firmas tecnolóxicas en todo tipo de cuestións legais
luns, 4 de abril do 2016
Este ano comezou a súa súa andaina a nova firma
galega APDTIC, especializada no asesoramento a empresas do ámbito
das novas tecnoloxías e do audiovisual e centrándose non só en
achegar servizos ás firmas da nosa terra senón tamén a compañías
estatais e mesmo latinoamericanas. APDTIC, cuxo ámbito de acción
son polo tanto as novas ferramentas de comunicación dixital e o
Dereito, ten o seu centro de operacións en Compostela. Por certo que
o seu director executivo (CEO), André Castelo, estará
este mércores nas Xornadas Acelérate da Cidade da Cultura de
Santiago, que avanzamos hai uns días nos seus detalles dende Código
Cero.
Segundo apuntan fontes da
empresa a xeito de “previa” da súa presentación no Gaiás, “as
novas tecnoloxías convertéronse en parte da nosa rutina diaria,
cousas como o móbil, a tableta ou o computador portátil”. O uso
cotián destes elementos, explican, implica unha serie de conceptos
nos que “non sempre” reparamos como sería preciso. “Non somos
conscientes de que cada aceno e cada movemento que realizamos a
través de Internet”, engade APDTIC, “levan aparellados aspectos
e consecuencias legais moi importantes, o que obriga ás empresas a
cumprir determinadas normas, xa que, do contrario, poderían
enfrontarse a sancións mesmo nalgún caso de elevada contía”.
Este é, precisamente, o
punto no que vai desenvolver o seu labor APDTIC: asesorar ás
empresas tecnolóxicas en todo tipo de cuestións legais. A intención
é fornecer, dende Santiago, servizos a PEME e compañías TIC, “non
só de Galicia e de toda España, senón tamén de Latinoamérica”.
Segundo explica Castelo, este amplo radio de alcance é posible,
xustamente, porque a través da web de
seu a firma incorpora unha nova plataforma online onde os
usuarios contarán cunha área privada para subir, descargar e asinar
documentación “de xeito seguro e cómodo”.
Por certo que a empresa
está integrada exclusivamente por profesionais do Dereito TIC e
Audiovisual, formados especificamente neste eido, “cun nivel de
especialización moi alto”. Os seus ámbitos temáticos de accións
son variados: a protección de datos persoais e a privacidade en
Internet; o comercio electrónico (e-commerce), a
mercadotecnia dixital, os aspectos legais das páxinas web, a
reputación en liña, o dereito ao esquecemento. Os profesionais de
APDTIC tamén contan cunha ampla bagaxe de coñecementos en ámbitos
como a imaxe corporativa ou a propiedade intelectual e industrial.
“Unha das vantaxes do asesoramento de APDTIC”, explica Castelo,
“é que pode acompañar desde os seus inicios ás empresas, para
que, desde o principio, fagan todo do xeito legalmente correcto e así
previr posibles conflitos”.
A contratación TIC e
outros aspectos legais do sector audiovisual completan o catálogo de
servizos desta empresa de profesionais do dereito tecnolóxico e
audiovisual, que nace en Santiago da man do experto André Castelo,
director executivo e fundador da compañía. Á fronte da sección
latinoamericana da compañía está David Vergara, profesional
formado tanto en Ecuador como en España.
