A galega Aerocamaras achega o dron con meirande autonomía do mercado

martes, 10 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Aerocamaras, empresa galega especializada en desenvolvemento e servizos de drons (e en formación arredor dos drons, liña de traballo de onde abrolla a súa recente colaboración coa Deputación de Ourense), vén de dar forma a un vehículo aéreo non tripulado que funciona con gasolina e con electricidade, con capacidade de brindar até 4 horas de autonomía de voo, o que, en palabras da compañía, convérteo no aparello das súas características con meirande operatividade do mercado a nivel mundial. O dron híbrido de Aerocamaras, cunha carga de até 5 quilos, subministraría 2,5 horas de autonomía. O trebello chámase AeroHybrix e está listo para o seu emprego e comercialización.
O desenvolvemento da aeronave, materializada xunto a enxeñeiros americanos, resultou ser “todo un éxito”, en palabras de Jaime Pereira, xerente da compañía galega, para quen está claro que o vehículo aéreo “marcará un antes e un despois nun sector limitado por uns tempos de voo escasos, achegando un chimpo cualitativo tanto para servizos profesionais como para o desenvolvemento en xeral do sector”.
Entre as características técnicas do dron híbrido a compañía salienta a súa capacidade á hora de trasladar até 5 quilos durante aproximadamente dúas horas e media e voar 4 horas sen carga. Despois dun ano de estudo e desenvolvemento, a aeronave superou máis que satisfactoriamente unha manchea de horas de voo e está preparada para a súa comercialización, prevista para o próximo mes (as especificacións poden consultarse en www.dronehibrido.com).
A empresa, con sede en Ourense, sinala que o aparello é froito da súa aposta polo desenvolvemento propio de drons despois de consolidarse dentro do mercado da formación de pilotos como a empresa con maior número de alumnos de España (máis de 2.000 persoas). Como expertos en asucar o ceo, desde Aerocamaras consideran que é "vital" superar as barreiras para profesionalizar aínda máis o voo non tripulado”. E engaden: “Á hora de facer actuacións de emerxencias, rescates ou inspeccións en sectores como a electricidade, topografía ou agricultura é imprescindíbel contar coa maior autonomía de voo posíbel; isto permitiría desprazamentos máis longos en canto a distancia e mesmo afinar aínda máis os estudos”.
A idea, polo tanto, é cubrir con AeroHybrix un amplo abano de eidos de aplicación: agricultura de precisión, emerxencias, rescate acuático, transporte de mercadorías, localización e procura de persoas, focos de incendios, seguridade, topografía ou achado de furtivos ou bancos de pesca. As probas foron realizadas no Pazo de Vilamarín, instalación cedida pola Deputación de Ourense e onde se iniciaron (e seguen realizándose) os traballos prácticos da formación de pilotos na provincia.

PUBLICIDADE