A galega Tarlogic, entre as compañías europeas que máis medran segundo Financial Times
martes, 3 de marzo do 2026
A firma tecnolóxica Tarlogic Security, con sede en Santiago, volveu a ser incluída na listaxe FT 1000 – Europe’’s Fastest-Growning Companies 2026 conformado polas compañías europeas que máis medran. A inclusión da empresa nesta selecta clasificación, elaborada por Financial Times e Statista, pon de manifesto o papel referente de Tarlogic no ámbito da ciberseguridade europea.
Este recoñecemento súmase á inclusión, hai tan só uns meses, de Tarlogic na listaxe Europe’s Long-Term Growth Champions 2026, conformada polas 300 empresas europeas cun crecemento sostido máis sólido, tendo en conta o incremento da facturación experimentado ao longo dunha década.
“Tarlogic non é só unha das compañías europeas que máis crecen, senón tamén unha das empresas que presentan un desenvolvemento sostido máis destacado nun sector, ademais, suxeito a constantes cambios e desafíos e que presenta un elevado nivel de competitividade”.
Unha clasificación que destaca ás compañías máis dinámicas de Europa
Financial Times e Statista, para facer a devandita escolma, avalían a miles de empresas europeas de múltiples sectores, focalizándose no crecemento dos ingresos obtidos polas compañías nos últimos catro anos de actividade. Para poder formar parte da clasificación FT 1000 – Europe’s Fastest-Growning Companies 2026 é necesario que as empresas teñan as súas sedes centrais en Europa; que rexistrasen uns ingresos de polo menos 100.000€ en 2021; que presentasen uns ingresos de, polo menos, 1,5 millóns de € en 2024; que o seu crecemento fose orgánico e non froito de operacións mercantís como fusións e adquisicións empresariais; e que “sexan independentes”.
Tras un exhaustivo traballo de análise e verificación da información financeira e fiscal das empresas, Financial Times (medio de referencia no ámbito económico a nivel mundial), e Statista elaboraron a clasificación das compañías europeas que máis medran, sendo do 17% o cociente de crecemento mínimo para formar parte da listaxe. Nesta ocasión, Tarlogic foi incluída no posto 815 e figura entre as 50 compañías europeas cun espallamento máis destacado no sector dos servizos profesionais, científicos e técnicos, “o que dá boa mostra do elevado grao de especialización, da capacidade de innovación e da competencia técnica de Tarlogic”, engadiron dende a firma galega.
Dende hai máis dunha década
Desde a súa fundación fai máis dunha década, Tarlogic Security experimentou un incremento anual de dous díxitos que lle permitiu consolidarse como unha das compañías de servizos de ciberseguridade líderes en Europa. Nos últimos 10 anos, Tarlogic pasou de rexistrar unha facturación de 700.000€ a superar os 12 millóns de € de ingresos en 2024, o que supuxo un incremento anualizado superior ao 35%.
Actualmente, Tarlogic conta cun persoal de máis de 150 profesionais que ofrecen un amplo catálogo de servizos de ciberseguridade ofensiva e defensiva, ciberintelixencia e auditoría técnica a empresas de todo o mundo.
A estratexia de internacionalización da firma galega orixinou que máis do 25% dos ingresos obtidos por Tarlogic no último ano procedesen de mercados internacionais: Europa, Oriente Medio ou América do Norte, ao que se suma a aposta da compañía pola innovación e o desenvolvemento de solucións propias que xa empregan clientes de máis de 70 países.
