A innovación como factor de empregabilidade marcou un encontro da fundación FUNTAGRA
xoves, 18 de decembro do 2025
A Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo (FUNGATRA) celebrou na Sala Eisenman na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela o encontro FUNGATRA: conectando formación e emprego. Foi unha xornada que serviu como espazo de reflexión, diálogo e posta en común arredor dos retos actuais e futuros da formación para o emprego en Galicia.
O acto, conducido por Ignacio Balboa, contou coa participación de profesionais, entidades e persoas expertas vinculadas ao ámbito da formación e do emprego, servindo como espazo de encontro e reflexión arredor da evolución do mercado laboral e do papel da formación como ferramenta para mellorar a empregabilidade e a competitividade.
Ao longo do encontro puxéronse en valor os dez anos de actividade de FUNGATRA, un percorrido marcado pola adaptación constante aos cambios do mercado laboral, a aposta pola innovación e o deseño de programas orientados ás persoas, ás empresas e aos territorios. Neste marco, presentáronse algúns dos programas máis representativos impulsados pola Fundación: o Programa CAPACITA, centrado no desenvolvemento profesional e a dixitalización, presentado por Juan Diego Pereiro, fundador da plataforma WeKAb; o Programa MelloraDOS; orientado á mellora da empregabilidade e á formación continua, da man de Raquel Touriño, coordinadora de proxectos de Egalitaria ConsultorÃa; e o Programa LiderELAS, enfocado no liderado feminino, a innovación e no emprendemento, presentado por Susana Pérez Iglesias, presidenta de Empresarias de Galicia.
Durante a sesión tamén se compartiron experiencias reais a través dunha mesa de casos de éxito, na que persoas participantes nos programas de FUNGATRA puxeron en común o impacto das formacións na súa traxectoria profesional.
Un dos momentos centrais da xornada foi a presentación da Memoria de actividades de FUNGATRA: unha década de crecemento compartido (2015–2025), a cargo de Begoña López Abella, do departamento técnico da Fundación.
Ao longo das diferentes intervencións subliñouse o compromiso de FUNGATRA cun modelo de formación que vai máis alá da adquisición de coñecementos técnicos, incorporando competencias transversais, acompañamento, orientación e creación de redes, co obxectivo de mellorar a empregabilidade e favorecer a estabilidade laboral.
A xornada foi clausurada por Rosanna López Salgueiro, directora xerente de FUNGATRA, quen puxo en valor o traballo colectivo realizado ao longo desta década e reafirmou o compromiso da Fundación de seguir conectando formación e emprego como eixo central do desenvolvemento económico e social de Galicia.
