A innovación no xénero documental, eixe de Play-Doc 2011

venres, 4 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A sétima edición do festival de documentais de Tui, Play-Doc, xa comeza a facer ben de ruído na Rede. Desta volta, desenvolverase do 30 de marzo ao 3 de abril, e inclúe un total de once filmes a competición, o froito dun proceso exhaustivo de escolma que partiu dunha base nada desprezable de máis de 800 títulos. O certame, que repartirá 7.000 euros entre as obras gañadoras na sección oficial, dá acubillo a un abano variado de xéneros e formatos: longas, curtas e todo o que se nos ocorra que pode caber no xénero documental (nos últimos tempos achegando interesantes xogos coa ficción e coas novas tecnoloxías e formatos de creación, promoción e distribución). Por certo que a renovación do xénero, aplicable ao antes, o durante e o despois dunha obra, será un dos grandes temas de debate.
Na sección oficial poderemos ver, entre outras producións, The Arbor (de Clio Barnard, nomeada aos Bafta, premios do cinema británicos) ou a galega Todos vós sodes capitáns, da man dun dos creadores de maior proxección da nosa terra, Oliver Laxe. Amais disto, Play-Doc será unha oportunidade para acudir á presentación de Manuscritos Pompeianos, do galego Marcos Nine. Na web de Play-Doc, arestora en preparación para a vindeira convocatoria, avánzanse unhas cantas liñas de actividade, alén da devandita sección oficial, como por exemplo a preparación de accións colectivas de creación: dous obradoiros, Docs in progress e O Retrafo filmado.

PUBLICIDADE