A nanotecnoloxía propiciará en dez anos unha nova revolución industrial, segundo un informe presentado en Santiago

venres, 6 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Que pasaría se houbese unha tecnoloxía que permitise facer mellores diagnósticos médicos? E se descubrimos que hai unha nova disciplina da ciencia que posibilitaría a implantación de computadores máis rápidos e eficaces e fontes de enerxía máis limpas e inesgotables e, sobre todo, menos problemáticas có petróleo en cuestión de guerras entre países? E se logo vemos que esa tecnoloxía traballa con materiais tan pequenos que non se perciben polo ollo e que Galiza ten potencial abondo para converterse en espazo de investigación de primeira orde? Se cadra, moitos de nós xa escoitamos falar da ciencia chamada nanotecnoloxía (a ciencia do pequeno), pero é probable que non tivéramos ocasión de pensar polo miúdo (vala a redundancia) nas súas repercusións, adiantadas na serie de preguntas coas que decidimos abrir este artigo. Precisamente para movernos a reflexionar, e tamén para convocar ós máximos apoios posibles (públicos e privados), a Fundación da Innovación Bankinter e o IGAPE presentaron este xoves 5 en Santiago o seguinte informe: Nanotecnoloxía: A revolución industrial do século XIX. A investigación, elaborada polo Future Trends Forum (FTF), é froito do traballo conxunto de expertos nesta ciencia de todo o mundo e pon de manifesto as vantaxes que terá para a electrónica, o deseño de materiais con novas propiedades, a medicina e a enerxía.
Cientificos da Universidade de Stanford investigando en nanotecnoloxíaMáis limpa, máis rendible e, sobre todo, máis pequena. Así é a nanotecnoloxía, un eido da ciencia no que as Universidades galegas queren ser líderes ou, polo menos, focos de investigación e desenvolvemento de importancia mundial. Por iso non foi casualidade que a devandita fundación e o IGAPE presentaran o informe da FTF na sede de FEUGA (Fundación Empresa-Universidade de Galicia) en Santiago. A ciencia do pequeno, que probablemente é difícil de enxergar para todos aqueles que só estamos adoitamos a crer no que nos entra a través dos ollos, pode ser presentada e divulgada como calquera outra materia ou proxecto: a través do “que”, o “para que”, o “cando” e “onde”.
Comezamos (tendo sempre como alicerce o estudo devandito):
· Que. A nanotecnoloxía é o conxunto de técnicas multidisciplinares que se empregan para manipular a materia a escala de átomos e moléculas. Cómpre deixar de lado, polo tanto, os tamaños das cousas cos que estamos familiarizados e tomar conciencia de que os obxectos non son máis fortes e resistentes por ser grandes… máis ben o contrario. O prefixo “nano” fai referencia á milmillonésima parte dun metro. Segundo apunta o informe presentado en Compostela, para comprender o potencial desta tecnoloxía é clave saber que as propiedades da materia cambian a escala nanométrica: referímonos á condutividade eléctrica, a cor, a resistencia, a elasticidade, a reactividade; entre outras propiedades, compórtanse de xeito distinto ca nos mesmos elementos a maior escala.
· Onde. Ser referentes en investigación en nanotecnoloxía é un dos grandes obxectivos das Universidades galegas. Malia todo, Europa fica nun segundo plano con respecto ó que acontece dende hai anos en Estados Unidos e Xapón, onde o sector privado achega unha boa parte dos orzamentos para diferentes proxectos. En Europa, pola contra, segue a ser sector público o que lidera os investimentos. A xuízo dos asistentes ó encontro que se celebrou en Compostela (no que estivo presente Brent Segal, presidente de Nantero), é fundamental que un meirande apoio das empresas, posto que só dese xeito se acadarán os presupostos precisos para crear novos produtos e para abrir camiños nos mercados.
· Para que. As investigacións en nanotecnoloxía poden ser aplicadas en múltiples eidos da industria, como a electrónica, o deseño de materiais con novas propiedades, a enerxía ou a medicina. Probablemente, é na medicina onde máis tarden en chegar as vantaxes da ciencia do pequeno, porque está suxeita a maiores regulacións, pero nos outros sectores o efecto “nanotecnoloxía” xa se está comezando a notar. Por exemplo: existen materiais desta índole que se empregan en cosméticos (que, segundo apuntan os expertos, son máis eficaces e protectores) ou en obxectos como raquetas de tenis máis flexibles e que aturan mellor o uso cotián ou lentes que non se raian. A medio prazo, sinala o grupo FTF, asistiremos a unha aceleración do proceso que, máis ou menos nunha década, desembocará no que xa chaman a “revolución industrial do século XXI”, un futuro onde poderemos coñecer de primeira man o estado dos alimentos a través da cor dos envases ou no que por fin se converterán nunha realidade e (tamén) nunha opción competitiva os vehículos que corren con hidróxeno, grazas ós tanques tratados con nanotecnoloxía. Asemade, a investigación en doenzas graves como o cancro recibirá un importante pulo, e até poderemos falar de computadores que operan do mesmo xeito có tecido orgánico.
· Cando. Como dixemos máis arriba, a previsión é que a nova revolución industrial chegue nun prazo de cinco a dez anos. Probablemente, se Galiza recibe apoios abondo do eido público e do privado (para iso se presentou o devandito informe, tamén, para que os que estean en disposición de apoiar, apoien), non teremos que agardar máis cós países máis avanzados en I+D para entrar a formar parte do dito proceso. Ó cabo dese tempo, din os autores do informe, a nanotecnoloxía irá abríndose camiño en moitos sectores clave da economía, chegando a deixar fonda pegada na fabricación do 15% dos produtos do mercado. Neste intre, mentres se escribe este artigo, a ciencia do pequeno acada xa unha facturación de máis 200.000 millóns de dólares, e iso que estamos a falar dunha área de investigación ou sector que está a dar os seus primeiros froitos. Como quen di.

PUBLICIDADE