A nova edición de Galicia Open Future dá unha viraxe cara o ámbito 4.0
mércores, 24 de xaneiro do 2018
O
Pacto Dixital de Galicia, a alianza asinada entre a Xunta e compañías
referencias do eido TIC a prol de sacarlle ao noso tecido innovador o
rendemento e a excelencia que atesoura, segue sumando azos. Se os
días pasados falamos dun
fortalecemento do pacto para impulsar o noso talento TIC, hoxe
puidemos saber que Telefónica
(unha das empresas da alianza dixital) vén de pechar un novo acordo
de colaboración co Goberno galego para pór en marcha a nova edición
de Galicia Open Future, o centro de crowdworking posto
en marcha na Cidade da Cultura pola operadora de telecomunicacións
en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA.
Haberá
novidades nesta cuarta entrega? Segundo Telefónica, a resposta é
afirmativa: daráselle unha viraxe á palestra de innovación e
emprendemento cara o que se coñece como Industria 4.0, ou sexa, cara
ás metodoloxías intelixentes de traballo que resultan da
confluencia entre a industria e o mundo das tecnoloxías da
información e que se dirixen a converternos en máis rendibles,
eficientes, eficaces, sustentables e mellor xestionados e
comunicados coa demanda.
Baixo
o título de Galicia Open Future_: Edición Retos Industria 4.0,
o novo modelo busca “dirixir o talento emprendedor cara á
resolución de problemas concretos da industria galega”, informa
Telefónica, engadindo que nesta nova edición de GOF, a cuarta,
colaborarán novamente a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a
Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)
e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Ao
abeiro do novo programa, proporase a grandes empresas referenciais
galegas que lancen publicamente un total de seis retos reais de
negocio, baixo un modelo de innovación aberta. Ao abeiro desta
proposta colectiva, abriranse convocatorias a través da plataforma
Telefónica Open Future para cada un dos desafíos, ás que poderán
presentarse startups, PEME, centros tecnolóxicos,
universidades e emprendedores, e entre os que se seleccionará a un
gañador, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa
empresa tractora, e tres finalistas.
O
gañador terá unha axuda de GAIN de 20.000 euros para a posta en
marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como os tres
finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do
ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un
patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como “recoñecemento
ao seu esforzo innovador”. Logo, transcorrido o tempo de
aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que
recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada por AMTEGA.
Telefónica
tamén explica que aparte das achegas económicas directas,
Xesgalicia concederá á empresa gañadora un préstamo reembolsable
pola cantidade de diñeiro investido para a posta en marcha do piloto
nas empresas, ata un máximo de 100.000 euros. Ademais, poderá
conceder aos finalistas un préstamo reembolsable de ata 50.000
euros.
A
operadora, por último, lembra que neste intre se atopa na fase de
contactos coas empresas referenciais, potencialmente achegadoras dos
devanditos retos. Dúas delas, engade Telefónica, fornecerán os
desafíos na primeira quincena de febreiro. A partir dese punto
abrirase un prazo de inscrición dun mes para empresas e
emprendedores nacionais ou internacionais, período a partir do cal
elixiranse o gañador e mailos tres finalistas por cada un dos retos.
416
proxectos presentados en edicións anteriores
A
presentación da nova convocatoria de GOF serviu para facer balance
do acadado nas andainas previas. Segundo informan os impulsores do
centro de crowdworking, nas tres edicións anteriores de
Galicia Open Future presentáronse un total de 416 proxectos de
alicerce tecnolóxico, dos cales foron acelerados 145, o que supuxo
un total de 1.100 horas de traballo individualizado e o
desenvolvemento de 90 actividades formativas e obradoiros abertos en
materias como fiscalidade, mercadotecnia dixital, imaxe de marca ou
novos modelos de financiamento.
Durante
a súa participación, as novas firmas innovadoras puideron presentar
os seus proxectos a potenciais clientes, participar en eventos
internacionais como o South Summit, recibir apoio á
internacionalización, celebrar sesións de adestramento e
retro-alimentación con directivos de Telefónica, entrar en contacto
coa rede global da plataforma Telefónica Open Future e recibir un
apoio económico por parte da consellería de Economía, Emprego e
Industria dirixido a aquelas empresas con mellor aproveitamento na
aceleración.
