A oficina SmartPEME do Porriño mostrou os seus logros á presidenta da Deputación
venres, 2 de febreiro do 2018
A
presidenta
da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou onte as
instalacións da oficina SmartPEME do Porriño, onde tivo ocasión
de coñecer, de primeira man, o importante traballo despregado polo
equipo técnico das dependencias, que lograron convertelas nun
referente da formación TIC a nivel provincial e galego. Segundo
salientou Silva, durante 2017 realizáronse nestas instalacións 378
asesoramentos, un 66% máis que en 2016, e impartíronse 80
obradoiros aos que asistiron 452 persoas, un 32% máis que o ano
pasado. A presidenta estivo acompañada polo deputado de Innovación,
Javier Dios, a alcaldesa do Porriño, Eva García, e dúas
emprendedoras locais, Ángeles Paz e Jana Kadlecová, que recibiron
asesoramento na oficina SmartPEME e fortaleceron, coa formación,
cadansúas experiencias de éxito.
As
instalacións prestan asesoramento nas comarcas de Vigo e do Baixo
Miño, é, tal e como apuntou Silva, “O Porriño tiña que estar
neste programa porque é un dos grandes centros de actividade
económica da provincia”. Sobre o proxecto, Silva explicou que
“queremos achegar as novas tecnoloxías a todos os emprendedores e
emprendedoras da nosa provincia e ás pequenas e medias empresas, que
son o 90% da actividade económica, para que teñan máis e mellores
beneficios que acaben xerando riqueza e emprego”.
Como
dixemos, durante a visita a presidenta provincial tivo ocasión de
compartir impresións con Ángeles Paz e Jana Kadlecová, usuarias da
oficina local de SmartPEME. Ángeles Paz, de Dronval, empresa
centrada na mercadotecnia turística que presta servizos aéreos con
drons para fotografía e vídeo, salientou a importancia dos
obradoiros achegados polo programa da Deputación, obradoiros que lle
facilitaron asesoramento dixital, planificación de estrutura e
contidos do seu futuro sitio web, así como asesoramento para a súa
posición no mercado e nos buscadores. Tamén lle ofreceu análise de
redes sociais e Web para facer seguimento dos resultados e achegoulle
ferramentas de deseño para optimizar a súa imaxe en liña.
Pola
súa banda, Jana Kadlecová, da empresa East West Experience,
centrada tamén na mercadotecnia turística (e en liñas de
actividade como fornecer a restaurantes da posibilidade de promover
os seus menús e ás persoas usuarias de localizar menús a prezo
fixo en función do seu emprazamento xeográfico e preferencias
gastronómicas), enxalzou as potencialidades de SmartPEME para
superar atrancos en materia dixital, preparándoa para tirar o
máximo proveito da Internet e as redes sociais. Segundo dixo, o
programa da Deputación subministroulle asesoramento en
mercadotecnia, información para optimizar a súa plataforma de
Internet (realizada en Wordpress) e ferramentas de analítica web
para facer seguimento dos resultados. Igualmente, proporcionoulle
datos relativos a plataformas de construción de aplicacións móbiles
para proxectos asociados á súa actividade, xeración de contidos a
través do blog para a mellora da súa posición en buscadores e
atracción do público obxectivo.
Carmela
Silva resaltou que “destas reunións unha sempre sae con optimismo
ao ver que hai moita xente con ideas creando negocios adaptados ás
necesidades do século XXI”. Segundo dixo, “o noso programa
permitiulles coñecer todas as ferramentas existentes nas TIC para
responder as novas necesidades”.
Datos
sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME, programa da
Deputación de Pontevedra, é un novo modelo de servizo orientado á
mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas
e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de
actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as
asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados,
Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes
actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis
de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de
networking trimestrais coa participación de profesionais de
prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas
institucionais, especialización sectorial dos asesores en función
das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en
novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das
necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén,
impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
