A plataforma dixital EmpowerTasks ofrecerá a persoas con diversidade intelectual oportunidades de emprego

venres, 9 de xaneiro do 2026 S. P.

Unha plataforma dixital inclusiva deseñada para que persoas con diversidade intelectual poidan acceder a oportunidades de emprego a través da realización de microtarefas dixitais e servizos en remoto. Esta é a proposta de EmpowerTasks, un proxecto que está a ser desenvolvido por varios grupos de investigación da Universidade de Vigo.
A iniciativa, que ten unha duración dun ano, foi unha das propostas gañadoras da IX Convocatoria de Axudas a Proxectos de Investigación en Tecnoloxías Accesibles realizada por Indra Group e Fundación Universia.
A axuda acadada por EmpowerTasks ascende a 25.000 euros, con parte de financiamento para unha entidade colaboradora no proxecto, que é Down Galicia.
Os grupos de investigación da Universidade de Vigo que participan desde a Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense en EmpowerTasks son dous. Trátase do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia, con Rubén González como investigador principal do proxecto, e o grupo Reflexión, Innovación, Transferencia e Mellora Educativa, liderando a súa participación Almudena Alonso.
Tamén colabora persoal da Universidade de Santiago de Compostela e a Unidade de Emprego e Emprendemento da UVigo, a través da súa directora, Maruxa Álvarez.
O proxecto EmpowerTasks, comenta o equipo da UVigo, “nace como resposta ás barreiras estruturais que dificultan a participación das persoas con discapacidade intelectual no mercado laboral, especialmente en sectores emerxentes ou dixitalizados”. Mediante esta plataforma, engaden, búscase “fomentar a autonomía económica destas persoas a través dunha proposta viable, escalable e con impacto social real” ao mesmo tempo que se ofrece a empresas e institucións con vocación social unha canle para colaborar como parte da súa estratexia de Responsabilidade Social Corporativa (RSC), contribuíndo activamente á inclusión laboral.
Polo tanto, EmpowerTasks quere ser “unha proposta tecnolóxica libre de barreiras e de baixo custo que permitirá ás persoas usuarias explorar o seu potencial, adquirir novas competencias e realizar tarefas aliñadas cos seus intereses e fortalezas, previamente mapeadas mediante un proceso participativo”. Outro dos obxectivos é que a plataforma poida adaptarse a diversas contornas e demandas, con marxe ampla de flexibilidade.
A tecnoloxía está sendo deseñada para facilitar que persoas con diversidade intelectual, poidan acceder a oportunidades de xeración de ingresos mediante microtarefas e servizos dixitais realizados en remoto. “A solución integra un itinerario de formación accesible e un asistente baseado en intelixencia artificial que acompaña ao usuario en todo o proceso, desde a aprendizaxe ata a execución de tarefas”, comentan desde o proxecto.