A primeira impresora doméstica conectada á web

luns, 22 de xuño do 2009 Marcus Fernández

HP presentou hoxe a primeira impresora doméstica do mundo conectada á web, pois a HP Photosmart Premium conectada á Internet pode funcionar de xeito independente a un PC, manexándose a través dunha pantalla táctil capacitiva de 4,33 polgadas dende a que se accede a pequenas aplicacións que facilitan a impresión de mapas de Google, sudokus, calendarios, información meteorolóxica… e moita outra información que incluso poden personalizar as compañías interesadas a través da correspondente API, e que actualmente conta xa co apoio de USA TODAY, Google, Fandango, DreamWorks Animation, Nickelodeon, Coupons.com, Web Sudoku e Weathernews Inc.
A impresora tamén pode acceder a case calquera páxina web e imprimila dun xeito cómodo de ler a través dunha serie de personalizacións. Tamén permite a impresión de fotografías dende servizos coma Snapfish, e fóra do seu funcionamento autónomo, é posible utilizala coma unha impresora ordinaria accedendo á mesma a través dun ordenador con Wi-Fi ou dun trebello con Bluetooth (entre os que estarían o iPhone e o iPod Touch).
A impresora Photosmart Premium con tecnoloxía TouchSmart Web chegará aos EE.UU. no outono a un prezo de 399 dólares.

PUBLICIDADE