A rede RECETGA do CESGA multiplica por 800 a súa capacidade

martes, 30 de abril do 2013 Redacción

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe a rede RECETGA-Nova

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), tal e como se dixo a semana pasada na celebración da muller galega nas TIC “o segundo complexo das súas características máis importante a día de hoxe en España”, semella querer pórse en primeiro lugar da listaxe. Ao seu favor, as múltiples renovacións das que foi obxecto ao longo das súas dúas décadas de historia, renovacións que con maior ou menor acerto conseguiron mantelo en primeira liña do cálculo científico a nivel europeo. Este 30 de abril, sen ir máis lonxe, tivo lugar unha destas renovacións. O proceso, presentado en tódolos detalles na sede do CESGA, vén da man da Xunta e do Goberno central, que investirán 3,4 millóns co obxectivo de multiplicar por 800 a capacidade para compartir información da rede RECETGA (agora RECETGA-NOVA) do Centro de Supercomputación de Galicia.
Na cita deste martes ante os medios estivo presente o conselleiro de Economía, Francisco Conde, que fixo fincapé nas novas posibilidades que se abren co devandito investimento para as Universidades, os investigadores e as empresas galegas. Conde salientou que a rede permitirá que as nosas institucións educativas superiores “cheguen a centos de milleiros de fogares de xeito simultáneo, abríndolles a porta para que se incorporen a iniciativas de ensino masivo en liña”.
Tamén fixo saber que a Xunta e o Goberno investiron 3,4 millóns de euros neste proxecto, que ademais permite conectar Galicia coa rede científica portuguesa e lle subministra a capacidade axeitada para levar a cabo “ambiciosos proxectos”. E engadiu: “A iniciativa posibilitará compartir coñecemento a nivel galego e internacional dunha maneira máis rápida, flexible fiable e económica”.
Na presentación tamén participou o investigador da Universidade de Vigo David Posada, responsábel dunha aplicación sobre filoxenética empregada por 40.000 usuarios de todo o mundo grazas a esta rede do CESGA. Posada, casualmente, tamén fixo uso de RECETGA-NOVA para presentar no centro compostelán o seu proxecto, a través dunha vídeo conferencia de alta definición “só posíbel grazas a nova infraestrutura”. En virtude desta mesma tecnoloxía tamén participou na presentación o presidente da Fundación para a Computación Científica Nacional de Portugal, João Nuno, quen incidiu nas devanditas oportunidades que se abren para a colaboración científica entre Galicia e Portugal.
No acto tamén se salientaron as potencialidades de externalización da nosa capacidade tecnolóxica, investigadora e empresarial. De feito, a rede servirá para conectar os centros e parques tecnolóxicos galegos co resto do mundo, poñéndose a disposición, tamén, das empresas que nacen no seo das propias universidades.
Sobre RECETGA
A Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) é unha infraestrutura de conectividade de alta capacidade que proporciona servizos de comunicacións e Internet de alta calidade á comunidade investigadora galega. RECETGA está destinada a satisfacer os seguintes obxectivos: por unha banda prover servizos de comunicacións á comunidade académica e de investigación como son conectividade a Internet e entre centros, servizos sobre a rede de multicast, IPv6, VPN de nivel 2 ou 3, realización de "testbeds" dedicados a experimentos, etc; e por outra banda RECETGA tamén facilita o acceso aos servizos ofertados polos propios centros de investigación integrantes de RECETGA (como é o caso de servizos de almacenamento, computación, e-learning e GIS do propio CESGA, a información meteorolóxica de Meteogalicia, contidos didácticos e de investigación de universidades galegas, etc.).
RECETGA creouse no ano 1993 e, despois de sucesivos cambios tecnolóxicos adaptándose ás novas tecnoloxías de transporte e transmisión, hoxe interconecta un total de 43 centros de diferente propósito. Desde o seu nacemento e ata a actualidade foi xestionada polo CESGA.

PUBLICIDADE