A sede de SmartPEME en Pontevedra acolle en abril oito novos obradoiros

martes, 3 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de abril na súa sede pontevedresa (o edificio administrativo da entidade provincial) un total de oito actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores locais. A primeira cita do mes na oficina SmartPEME de Pontevedra desenvolverase esta cuarta feira, mércores, co curso n a descubrir que son e para que serven as redes sociais.
Tras este primeiro obradoiro, esa mesma semana, o 6 de abril, impartirase Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. A seguinte semana terán lugar dous novos obradoiros: o martes 10 de abril, Prestashop I: comeza a crear a túa propia tenda online e, o 12 de abril, Como mellorar a reputación online do teu establecemento de hostalería.
Pola súa banda, a seguinte semana, os obradoiros continuarán en Pontevedra o luns 16 de abril con Prestashop II: xestión dunha tenda online e Mellora a calidade das túas imaxes con editores online, o xoves 19 de abril. Por último, o luns 23 de abril Pontevedra acollerá o obradoiro Aprende a crear vídeos promocionais para o teu negocio e rematará o mes con Colabora co teu equipo dun xeito máis sinxelo.
Todos os obradoiros realizaranse a partir das 19 horas, agás os días 6 e 12 de abril, que serán ás 17 horas, e as inscricións poden facerse chamando ao 886 202 020 ou ben a través do correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou da páxina web www.smartpeme.depo.es.
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñíbeis para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.
A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE